DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preséntase no campus de Ourense o libro 'Historia e memoria do réxime de Franco'

Unha ditadura xa afastada no tempo pero moi presente no recordo

A obra recolle boa parte das conferencias presentadas ás 'VIII Xornadas sociedade e dereito'

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 24/01/2013

En abril de 2011, a Facultade de Dereito e a Asociación Galega de Estudos Xurídicos deron cita a case unha trintena de destacados especialistas en dereito, historia, política e cultura para reflexionar dun xeito interdisciplinar sobre a orixe, a evolución e o final do franquismo. Froito dese debate, presentouse este xoves no campus de Ourense o libro Historia e memoria do réxime de Franco, que recolle recolle boa parte das conferencias presentadas nesa cita. Coa recompilación en papel das conferencias escoitadas os promotores da iniciativa agardar botar luz sobre unha época escura da historia española que, aínda que afastada xa no tempo, sigue moi presente na memoria colectiva.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito; José Agustín González-Ares, coordinador da publicación, e Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus foron as persoas encargadas de presentar o libro, que conta co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo. “Afondar nos tempos de Franco, como fai esta publicación, é importante porque só coñecendo o noso pasado poderemos contribuír a modificar o noso futuro. Hai que aprender dos erros e dos acertos da historia para facer entre todos unha sociedade mellor”, destacou María Lameiras.

Unha ollada honesta

Diante dunha sala na que a maioría de asistentes eran universitarios nacidos xa en democracia, José Agustín González-Ares subliñou que “aínda que afastado no tempo, estes período da historia está moi presente na memoria colectiva e as súas consecuencias gravitan nalgúns aspectos da actualidade, xerando un enorme volume de investigacións que non deixan de formular moitas interrogantes”. Por este motivo, a monografía, apuntou o seu coordinador, quere contribuír “con respecto, rigorosidade, honestidade e ecuanimidade, pero desde a liberdade” a un mellor coñecemento desa etapa, que Celso Emilio Ferreiro denominou “a longa noite de pedra”.

Roberto L. Valdés, Luis Rodríguez Ennes, Jaime Cabeza, Arturo González e Ana Mª Tobío foron algúns dos relatores que participaron nas xornadas, nas que se afondou en temas como as democracias orgánicas, a Lei de Expropiación Forzosa de 1954, memoria visual do franquismo, a situación da muller neste período, a autarquía, os cárceres, a represión franquista en Galicia, o urbanismo, a creación de partidos, a Lei de Prensa e Imprenta, o papel da monarquía, a modernización administrativa e os tribunais de excepción.

Durante a presentación do libro, Alberto Vaquero quixo salientar o mérito e esforzo que supón conseguir a edición destas actas e continuar celebrando cada ano as Xornadas sociedade e dereito, que este ano chegarán á súa décima edición. “Este libro e as xornadas son unha mostra de que, aínda que somos unha facultade pequena, somos moi activos e son moitas as actividades que ao longo do ano se celebran nela froito da iniciativa de estudantes e de docentes”, destacou Roberto Bustillo durante a presentación de Historia e memoria do réxime de Franco.