DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de expertos internacionais como P.Stuckmann e J.Mitola

O dividendo dixital centra a intervención do secretario xeral de Comunicación nunha xornada organizada por Gradiant

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 31/10/2008

Os sistemas de telecomunicación cognitivos e os novos usos do espectro centraron a xornada de debate organizada por Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación, e na que tomaron parte destacados expertos internacionais como Joseph Mitola e Peter Stuckmann., así como o director xeral de Comunicación Audiovisual.
Manuel José Fernández centrou a súa intervención na xornada celebrada na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación, no reparto do dividendo dixital tras a implantación da Televisión Dixital Terrestre, que lembrou “caracterízase por facer un uso máis eficiente da banda de UHF para a difusión de programas de televisión, e como consecuencia desa eficiencia, cando se complete o despegue da TDT e o apagamento analóxico, vaise liberar unha parte importante das frecuencias utilizadas pola vella televisión”.

O dividendo dixital

As frecuencias ou canles liberadas que conforman o denominado dividendo dixital que constitúen un espectro moi demandado por provedores de servizos de telecomunicación como operadores de banda ampla ou operadores de telefonía móbil. Neste sentido Fernández Iglesias apuntou que “a utilización dese espectro liberado pola televisión analóxica podería facilitar a provisión destes servizos a uns custos moi atractivos, ao se necesitar un número de estacións emisoras ou estacións base máis reducido que no caso de frecuencias máis altas”.
Una situación que segundo o director xeral de Comunicación Audiovisual, plantexa retos moi relevantes para as administracións públicas que son as encargadas de xestionar e asignar estes recursos a operadores.

A radio cognitiva

Un enfoque innovador para utilización do espectro son os sistemas cognitivos de telecomunicación ou radio cognitiva.que “xunto as comunicacións tradicionais permitiría acadar un uso eficiente dun recursos escaso e moi demandado como é o espectro radioeléctrico”, sinalou Fernández Iglesias.
Nos sistemas cognitivos de telecomunicación os equipos de radiodifusión, televisión ou Internet sen fíos, non terían unha frecuencia fixa asignada, nin sequera un sistema fixo de transmisión, senón que terían a intelixencia suficiente como para detectar e analizar as emisión que se están a producir no seu contorno para seleccionar unha canle libre e autoconfigurarse para utilizar o sistema e transmisión máis eficiente.