DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un vídeo sobre a bioluminiscencia das algas, recoñecido polos Premios Prisma á Divulgación

Divulgare alíase co Campus do Mar para seguir colleitando premios

O xurado destaca que “reflicte o traballo dun grupo científico dun xeito claro, conciso e ben enfoca

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 30/09/2011

Desta volta, os premios para o grupo Divulgare veñen do mar. O vídeo realizado sobre as estratexias adaptativas a través da bioluminiscencia das algas Noctiluca scintillans valeulles unha mención honorífica nos Premios Prisma á Divulgación concedidos pola Casa das Ciencias. Baixo o título Estratexias adaptativas: hipótese da alarma contra ladróns, esta peza audiovisual recolle en formato 3D como algas microscópicas como a Noctiluca scintillans emprega a súa capacidade para brillar como mecanismo de defensa. Luis Navarro, director do grupo, explica que este é o seu primeiro achegamento ás temáticas propias do Campus do Mar, pero non será o último porque este “é o primeiro dunha serie que esperamos poder desenvolver relacionada co Campus de Excelencia Internacional. O investigador subliña que este premio é un “recoñecemento, volve a supoñer outra alegría e unha nova motivación que nos anima a seguir nesta difícil carreira da divulgación científica”.

O xurado deste premio convocado pola Casa das Ciencias de A Coruña outorgouse a este vídeo unha mención especial por “reflectir o traballo dun grupo científico dunha forma clara, concisa e ben enfocada”. Este é precisamente o obxectivo de Divulgare, un un equipo de traballo xurdido no seo do Grupo de Ecoloxía e Evolución das Plantas co fin de achegar os contidos científicos ao público en xeral, creando materiais entendibles e accesibles, pero tamén atractivos para todo tipo de persoas e colectivos. Dende que botou a andar esta iniciativa, o seu esforzo por contar e falar de ciencia xa foi recoñecido entre outros o premio do público da prestixiosa revista internacional The Scientist e o trofeo Eugenio Tutor ao mellor traballo producido por unha universidade ou centro de investigación no Certame Unicaja de Cine, Bienal Internacional de Cine Científico.

Por que brillan?

Con este vídeo, os membros do grupo de traballo decidiron trasladar a súa actividade divulgadora ao medio mariño, amosando así o seu apoio ao Campus do Mar. Como explica Navarro, “a idea xurdiu do noso interese no posible papel adaptativo da emisión de luz -bioluminiscencia- por parte de algunhas algas do grupo dos dinoflaxelados, un tema que ten xerado grandes controversias, xa incluso dende que Darwin plantexou a súa teoría de ‘Alarma contra ladróns’ para explicar o fenómeno da bioluminiscencia”. Pero a pesar de todas estas controversias e coa vista posta en espertar debate sonbre este tipo de selección natural, o vídeo explica como a Noctiluca scintillans, que é un microorganismos produce bioluminiscencia, ao ser inxeridas polos seus depredadores (pequenos crustáceos como os cepépodos, de corpo transparente) fan que estes tamén brillen, volvéndose máis chamativos para os seus propios depredadores. Esta é a estratexia que os científicos denominan ‘alarma contra ladróns’, de modo que ‘o inimigo do meu inimigo sexa o meu amigo’. “Un caso práctico de como pode funcionar a selección natural.

Por outra banda, esta peza audiovisual supuxo un múltiple reto para os seus creadores, ”un paso adiante na nosa formación como divulgadores, pois ademais do traballo de infografía e documentación científica, incorporamos unha banda sonora, Lucifer-She, con letra composta polos científicos do equipo, ad-hoc para este vídeo, e música do grupo vigués Remolca Madriña", explica Luis Navarro.

El desenvolvemento de este vídeo contou con financiamento da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) e do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.