DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tamén son finalistas na sección de curtas de animación

Divulgare gaña o premio ao mellor vídeo promocional nun prestixioso festival hindú

Esta fin de semana recollen en Bilbao a Mención de Honra que acadaron no Festival Ciencia en Acción

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 04/10/2013

Esta fin de semana recollen en Bilbao a Mención de Honra que acadaron no Festival Ciencia en Acción polo seu vídeo sobre a ecoloxía e evolución de polimorfismos florais, pero xusto antes de partir para o País Vasco o grupo Divulgare acaba de recibir outra boa nova: son os gañadores do premio do xurado ao mellor vídeo promocional nunha das mecas do cine moderno: o Indian Advertising & Corporate Film Festival.

“Estamos contentísimos”, apuntou Luis Navarro, director do grupo, que explica que nesta ocasión o vídeo premiado é unha curta promocional que fixeron para presentar o labor de Divulgare en Estados Unidos. “Simplemente amosamos o traballo que facemos no grupo para divulgar os resultados da investigación á sociedade”, indica Navarro, que fai fincapé en que a idea de crear este vídeo xurdiu da profesora de Ecoloxía da Universidade Maruxa Álvarez “quen a miúdo fai estancias nun prestixioso centro de investigación estadounidense e, nesta ocasión, quería levar con ela algo de material co que explicar que é exactamente Divulgare e como colaborar con nós”.

Co traballo xa colgado na rede, a idea é poder empregalo para promover fóra das nosas fronteiras o traballo que están a levar a cabo no campo da transferencia da investigación, “se ben cada vez é mais habitual que recibamos chamadas desde diferentes lugares do mundo solicitándonos asesoramento sobre a realización de vídeos de divulgación científica”.

Breaking the rules, finalista na sección de curtas de animación

As boas novas dende a India chegaron por partida dobre, ademais de gañar o premio ao mellor vídeo promocional quedaron tamén finalistas na sección de curtas de animación polo traballo Breaking the rules. “Agardamos poder saber o resultado antes de mediados de mes pero para nós xa é toda unha honra ter quedado finalistas”, subliña Navarro, ao tempo que explica que compiten con tres traballos asinados dende Rusia, Canadá e a propia India. “Quedar finalistas nesta categoría é ir un paso máis alá, xa que neste caso non competimos no apartado de curtas científicas senón no de curtas en xeral”.

Breaking the rules é o resultado de moitos meses de “apaixonado” traballo e nel o espectador pode descubrir que na natureza tamén hai quen infrinxe as normas e que isto non sempre significa que sexa “malo”, xa que nalgunhas ocasións os ‘pecadores’ tamén cumpren unha función vital para outros organismos. Fálase de plantas e animais, de interaccións...