DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun módulo europeo Jean Monnet que se celebra nos campus de Vigo e Ourense

Docencia en dereito sobre conciliación e corresponsabilidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/03/2010

“Non hai conciliación sen asumir o principio de igualdade”. Nesta idea incidiu ao longo da súa intervención a profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, Belén Fernández, na primeira xornada do módulo europeo Jean Monnet que sobre Conciliación da vida familiar e laboral e corresponsabilidade entre sexos que se celebrará todos os venres ata o 21 de maio nas facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo e de Dereito de Ourense.
O módulo que foi inaugurado polo seu director, o catedrático Jaime Cabeza e a directora da Área de Igualdade da Universidade de Vigo, Carmen Quinteiro, abordará ao longo de 30 horas cuestións como o marco comunitario en materia de igualdade, conciliación e corresponsabilidade entre sexos; os permisos por maternidade, paternidade, adopción e acollemento familiar; o traballo a tempo parcial; a garda legal, excedencias e lactancia ou os servizos asistencias nas empresas e a dependencia. “Son temas importantes dos que merece ter coñecemento a comunidade universitaria”, sinalou Cabeza na inauguración do módulo sobre conciliación que destacou “ocupa un lugar prioritario nas políticas da Unión Europea e configúrase como requisito indispensable para acadar unha igualdade de oportunidades efectiva”. Pola súa banda a directora da Área de Igualdade, Carmen Quinteiro tamén incidiu na importancia das políticas de conciliación para acadar a igualdade ao tempo que animou ao alumnado inscrito no módulo a “aproveitar a oportunidade que vos presenta para afondar na idea de que as responsabilidade familiares e domésticas corresponden a homes e mulleres”.

Conciliar é compatibilizar

Belén Fernández coordinadora do módulo, xunto coa tamén profesora da Universidade de Vigo, Marta Fernández, comezou a súa intervención na sala de videoconferencias da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo afondando no concepto de conciliación de vida persoal, familiar e laboral. “Conciliar é compatibilizar esas facetas de xeito que o exercicio dunha non supoña un impedimento para o desenvolvemento doutra”, explicou Fernández que incidiu na importancia da corresponsabilidade para acadar “a verdadeira compatibilidade da vida familiar e laboral”. Partindo da idea de que non se compatibiliza se non hai corresponsabilidade, Belén Fernández aludiu ás tres fases polas que pasaron os dereitos de conciliación: unha primeira que se corresponde cun modelo tradicional nos que roles de homes e mulleres están definidos en función dos xénero e no que a ausencia da muller no mercado laboral facía innecesarios os dereitos de conciliación; unha segunda propia dun estado liberal-non intervencionista, no que a muller se incorpora ao mercado laboral, pero no que non se teñen en conta as diferenzas cos homes e unha terceira determinada polo principio de igualdade por razón de xénero nas relacións laborais e en cargas familiares.

Non á igualdade pola igualdade

Tras lembrar que España dispón dunha Lei de Igualdade desde hai tres anos, a profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, incidiu na necesidade de asumir a igualdade en todos os ámbitos da vida. “Se admitimos o principio de igualdade nas relacións laborais, tamén hai que asumilo nas relacións familiares, porque se non é así non hai corresponsabilidade”, asegurou Belén Fernández que rexeitou a igualdade pola igualdade se non ten conta as diferenzas entre home e mulleres. Así explicou que mentres os dereitos relacionados co coidado de menores ou maiores da súa familia, debe recoñecerse por igual a homes e mulleres, non ocorre o mesmo cos dereitos de maternidade no ámbito laboral que unicamente lle poden ser recoñecidos ás mulleres habida conta da súa condición para ser nais.

Unha nova directiva comunitaria sobre permiso parental

Os marcos internacionais, comunitarios e internos, centraron boa parte da intervención da profesora Fernández que citou a Recomendación 123 da Organización Internacional do Traballo (OIT) de 1965 sobre o emprego das mulleres con responsabilidades familiares como o primeiro exemplo de regulación, aínda que non facía referencia á conciliación ao referirse exclusivamente ás mulleres. Foi a propia OIT a que 1981 coa Recomendación 165 sobre os traballadores con responsabilidades familiares a que “introduciu un cambio radical, avanzando de xeito incipiente na idea de corresponsabilidade”, sinala Fernández.
En canto ao marco comunitario a profesora de Dereito destacou a publicación hai uns días da Directiva 2010/18/UE pola que aplica o acordo marco revisado sobre permiso parental que substituirá á directiva do ano 1996, aínda que os estados teñen ata 2012 para transpoñer as novas disposicións.