DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor, Alberto Gago, ofreceu un relatorio no Foro La Región

Docencia, investigación e transferencia son os obxectivos da universidade no século XXI

“Universidade... e algo máis” foi o eixo da súa intervención

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 21/11/2008

“Universidade... e algo máis”, este foi o concepto que Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo transmitiu no relatorio que ofreceu este xoves no Foro La Región. En pouco máis de trinta minutos, Gago que recoñeceu “estar encantado de poder intercambiar ideas e pareceres”, fixo un repaso aos obxectivos da Universidade para o século XXI. Unha mestura de docencia, investigación e transferencia de coñecementos son as misións “dun futuro para compartir con toda a sociedade”, recoñeceu Gago.
O reitor estivo acompañado durante a súa intervención por Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do Campus de Ourense, que se referiu a Gago como “un compañeiro e non como un xefe”, e por Arturo Fernández, organizador do Foro La Región. Tras a presentación de Gálvez, tomou a palabra Gago que explicou aos presentes “que é hoxe a universidade e que quere ser no século XXI”.
A universidade pública española é unha institución que ten experimentado enormes transformacións, os cambios de maior fondura comezaron a producirse a finais da década pasada, pero o punto de inflexión foi no ano 2000 coa estratexia de Lisboa, provocada pola Unión Europea “coa intención de pechar a brecha tecnolóxica e de crecemento económico con Estados Unidos”. Este foi para Gago “un momento crucial xa que se detectou que estabamos nunha senda de separación progresiva respecto do mundo máis avanzado”. Nese momento, a Unión Europea, foi consciente de que para recuperar o liderazgo económico, “tiña que mobilizar o capital intelectual que hai nas universidades”, por iso a súa mensaxe foi que “había que crear, difundir e transferir coñecemento cara o mundo produtivo para que puidese ser convertido en crecemento e en benestar social”, engadiu Gago. Deste xeito foi como a universidade lle deu entrada ao concepto de transferencia, “ao que coñecemos como terceira misión da universidade”, explicou o reitor.

Que é a Universidade de Vigo?

A Universidade de Vigo “é un espazo recoñecible, unha universidade de servizos, volcada na empresa e que ten como obxectivo a transferencia de coñecementos”, definiu Gago. Hoxe en día a universidade ten tres misións, a docencia, a investigación e a transferencia. “Somos unha universidade no sentido tradicional, a casa do saber, ofrecemos formación de alto nivel nun ambiente de liberdade”, dixo Gago. Pero neste momento “somos algo máis, xa que ademais da docencia, a investigación tamén ocupa o noso espazo e tempo”, proseguiu o reitor. A Universidade de Vigo é un espazo recoñecible, porque “aínda que non temos o lustre que da a pátina da historia, preocupámonos por ter un físico moderno e de calidade”, aclarou Gago. Ademáis, entre outros datos, o reitor sinalou algunhas das cifras que describen a Universidade: 25 centros de estudo, 55 titulacións, 21.000 estudantes, 2.400 traballadores, 220 laboratorios, 5.300 equipos informáticos ou rede WI-FI nos tres campus.
Outro aspecto importante subliñou o reitor “é a colaboración co mundo empresarial, sempre tentamos casar as nosas culturas e os nosos mundos, aínda que a relación non sexa doada”. “O noso exército de I+D+i colabora coa empresa, xa que é un dos eixes estratéxicos da institución”, engadiu Gago. En cifras son 500 os contratos que se firman anualmente con empresas, existen 400 convenios de prácticas profesionais para estudantes e 27 millóns de euros son captados pola Universidade en recursos externos.

Proxectos da Universidade

Gago non quixo rematar a súa intervención sen facer un repaso aos proxectos nos que se está a traballar na actualidade, “xa que en ocasións temos a sensación de coñecer unha institución pero cando nos contan polo miúdo o que fai quedamos sorprendidos”. Nanotecnoloxía para biomediciña, o deseño de un autobús híbrido de hidróxeno, software para o cálculo de chemineas, a viabilidade do proxecto AVE Vigo-Porto ou o deseño ergonómico de interiores en automoción, son tan só unha mostra “do traballo que hai detrás das nosas colaboracións co mundo empresarial”, explicou orgulloso o reitor.

Un futuro para compartir

Para Gago, a Universidade está a vivir “unha realidade complexa e inimaxinable desde fai un par de décadas”. Estamos ante modelo da institución adaptado ao século XXI, con novas misións e compromisos e, en definitiva, “este é un futuro para compartir con toda a sociedade”, concluíu Gago. Tras estas verbas, abriuse o coloquio, no que o reitor respostou ás preguntas dos asistentes que se interesaron dende como vai afectar a crise a Universidade, pasando pola suba das taxas e ata a lei de memoria histórica.