DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebra a súa terceira Semana Internacional

Docentes e alumnos europeos buscan cos ourensáns solucións á crise

Durante cinco días intercambiarán, en inglés, coñecementos e experiencias

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/04/2012

Cada ano a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo organiza unha Semana Internacional na que docentes europeos trasladan as súas clases, en inglés, ao campus de Ourense para enriquecer a formación do alumnado da Universidade de Vigo. Este luns, conscientes da preocupación xeneralizada pola crise, esta iniciativa académica arrancou tendo como tema central de traballo a análise e a proposta de solucións á actual situación económica. Para facelo, ademais de profesores de seis países europeos, a Semana Internacional contará coa participación dun grupo de universitarios alemáns. Eles serán os encargados de ofrecer unha perspectiva diferente sobre un problema no que por diferentes motivos España e Alemaña teñen un protagonismo destacado.

A iniciativa, que se desenvolve do 9 ao 13 de abril, foi inaugurada este luns por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Ángel Barajas, coordinador da Semana Internacional. “Esta actividade é unha moi boa oportunidade para intercambiar coñecementos e impresións e avanzar na busca de solucións á crise económica. É unha experiencia marabillosa desde o punto de vista da convivencia multicultural pero tamén desde o punto de vista académico, pois permite afondar en cuestións que nos preocupan a todos”, salientou María Lameiras durante o acto de inauguración.

Tal e como destacou Elisa Alén a actividade celebra este ano a súa terceira edición despois de nacer en 2010 como unha forma de aproveitar mellor a visita de profesorado estranxeiro ao centro no marco do Programa Erasmus. “Ao longo destes anos foi tomando forma e para a nosa facultade tense convertido nunha cita moi importante”, apuntou a decana de Ciencias Empresariais e Turismo, que quixo agradecer a colaboración das vicerreitorías de Relacións Internacionais e do campus de Ourense da Universidade de Vigo.

De Polonia a Letonia

“O centro organiza esta Semana como parte da súa oferta docente no seu eido máis internacional. Este eido constitúe unha decidida aposta da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e, por este motivo, ao longo de cinco días daranse cita en Ourense docentes e estudantes doutras universidades europeas para desenvolver un programa académico e extra académico moi intenso e a través do cal será posible o intercambio de experiencias así como o desenvolvemento de clases en lingua estranxeira”, explicou Ángel Barajas.

Nesta edición participarán de Alemaña once alumnos e os docentes Gerhard Feldmeier e Wolfgang Lukas, da Bremerhaven University. Ademais desta destacada participación xermana estarán Elena Shakina, do Higher School of Economics Perm, de Rusia; Ieva Stûre, da Vidzeme University, de Letonia; Katarzyna Biliska-Reformat, da University of Economics in Katowice, de Polonia, e Laura Broccardo, da University of Torino, de Italia. Xunto ás clases e un amplo programa de actividades de convivencia, o programa tamén inclúe como novidades este ano a realización dun Joint Seminar, con estudantes alemáns e ourensáns, e a proxección de películas relacionadas cos temas económicos que se tratarán nas aulas e que abranguen desde a xestión dos recursos humanos ao marketing.

O traballo conxunto

Despois de participar o ano pasado nesta iniciativa e como primeiro relator da Semana, Wolfgang Lukas, docente da Bremerhaven University, destacou desta actividade “o interese que esperta no alumnado e a súa apertura a novas experiencias de aprendizaxe”. Co tema central nesta edición da crise económica, Lukas apuntou que “os problemas en realidade son os mesmos para todos e o máis importante é intentar resolvelos xuntos e buscar solucións conxuntas”. Nesta perspectiva, o profesor tamén destacou o importante que son as conexións que se crean entre as universidades europeas a raíz da súa participación en iniciativa coma esta.

Á espera de que chegue o alumnado alemán, os estudantes ourensáns comezaron xa esta intensa semana de convivencia e traballo internacional coas expectativas de mellorar o seu nivel de inglés, de enriquecerse coa aprendizaxe intercultural e de participar nunha iniciativa internacional, “unha oportunidade que non todos os días se dá en Ourense e que cando se produce non sempre está ao noso alcance”, tal e como destacan as alumnas ourensás Alba Temes e Lorena Costoya.