DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A VI Xornada de Innovación Educativa celebrarase o vindeiro 28 de xuño

Docentes de España e Portugal intercambiarán en Vigo novas experiencias académicas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 29/02/2012
A adaptación ao Plan Boloña, as modificacións de plans de estudos ou a incorporación das novas tecnoloxías ás aulas e laboratorios son só algúns exemplos dos cambios que a ensinanza universitaria está sufrindo na actualidade. Sendo consciente da necesidade de adaptarse aos novos tempos, a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade organiza a VI Edición da Xornada de Innovación Educativa, un evento xa convertido en punto de referencia para o intercambio de experiencias docentes a nivel internacional. O simposio, que terá lugar o 28 de xuño, servirá para guiar aos profesionais cara novos modelos de ensino, centrados na dixitalización e na interacción co alumnado.

A xornada será un punto de encontro no que se explicarán as experiencias nas aulas de docentes de España e Portugal, que “contarán casos puntuais de aplicación de novas tecnoloxías, da interacción co estudantes ou da coordinación entre materias“ indica María Villar, membro do Comité Organizativo. O éxito desta iniciativa reflíctese no grao de interese xerado tanto por parte dos poñentes, “coa recepción de 100 comunicacións” coma dos asistentes, “que xa reservaron 223 prazas das 300 ofertadas”, aclara a organizadora.

Novidades da VI Edición

Aínda que os piares que deron orixe a estas xornadas mantéñense ano tras ano, en cada edición incorpóranse novidades para facelo máis eficaz e atractivo. Nesta ocasión, “estamos plantexando facer sesións paralelas que permitan a exposición dun maior número de comunicacións, xa que teñen unha gran calidade e deste xeito non habería que facer unha selección previa tan dura“.

Respecto ás temáticas das comunicacións “volven ser moi semellantes ás do ano pasado, pero notamos que interesa mais a adaptación ao EEES e, como novidade, incluímos a perspectiva de xénero, unha nova liña de estudo que está cobrando moita relevancia” puntualiza Villar.

Prazo de matrícula e recoñecementos

A matrícula poderase facer a través da páxina web de Bubela ata o vindeiro 7 de xuño. Todos os asistentes recibirán un diploma de asistencia, mentres que os textos dos poñentes formarán parte dunha publicación electrónica con ISBN. Toda a información sobre a xornada pódese consultar na súa páxina web.