DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No I Congreso de Docencia Universitaria

Docentes expertos e noveis poñen en común as súas experiencias de ensino

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/07/2009

Expectativas fronte a experiencia, pero a ambos lados ilusión por aprender e por ensinar. Falamos dos 530 docentes do ensino superior que estes días se dan cita no campus de Vigo no I Congreso de Docencia Universitaria no que principiantes e voces consolidadas poñen en común as súas estratexias metodolóxicas e as experiencias innovadoras e investigadoras que teñen realizado.
Arredor da metade destes docentes proveñen de Galicia, pero tamén Portugal e Brasil teñen unha presenza moi destacada. Despois habería que engadir unha longa lista de países, tanto americanos como europeos.
Co Espazo Europeo da Educación Superior como gran protagonista e tamén gran reto ao que se van enfrontar estes profesionais, ao longo destes tres días presentaranse un total de 368 comunicacións “181 pósters e o resto comunicacións orais e talleres”, salientaba Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa e organizador do congreso. “A isto hai que engadir numerosas mesas redondas e relatorios que contribúen tamén á posta en común dos diferentes traballos”, explicaba o vicerreitor, quen lamentou a ausencia das expertas irlandesas Sarah Moore e Angélica Rísquez que, por problemas de última hora, non puideron impartir o relatorio previsto para este venres.

Achegas desde a experiencia

O profesor da Universidade de Santiago de Compostela Felipe Trillo aproveita o congreso para compartir experiencias con outros compañeiros e cos mozos que agora se están a incorporar á profesión. Cando está a piques de cumprir as súas vodas de prata como docente universitario, fala coa autoridade de quen leva anos entregado á tarefa de ensinar. Sen embargo, admite que non sería quen de debuxar os trazos básicos que debe cumprir un bo docente “depende de tantas cousas, habería que contemplar tantos aspectos e variables”, pero non dubida á hora de dar un consello aos mozos que agora se están a incorporar a esta tarefa “evitade todo aquilo que fixeron con vós os vosos profesores e que a non vos gustou”.
Creador da 1ª Asociación Iberoamericana de Docencia Universitaria observa este tipo de congresos como unha mostra máis de que aos mestres lles empeza a inquietar o seu traballo docente. “Comeza a preocuparlles se realmente están promovendo a aprendizaxe nos seus estudantes, se entenden ou non, se van a saber que facer con iso no futuro...”, subliña o profesor, ex- decano da Facultade de Ciencias da Educación da USC.
Entre os aspectos que máis chamaron a súa atención estes días destaca a forte implicación daqueles docentes “que non se dedican a reflexionar todo o día sobre a docencia”, en referencia directa aos pedagogos, senón aos “matemáticos, físicos, enxeñeiros...”. Desde o seu punto de vista, o básico é dar resposta a preguntas do tipo como chegar ao estudante, como promover procesos de reflexión na aula... “Hai poucas cousas máis deprimentes ca traballar cun grupo de alumnos nos que non hai eco”, admite o pedagogo.

A visión dos noveis

Chegadas desde Chile e Romanía, Kattherinne Urriola e Nicoleta Verginica, son dúas mozas estudantes de doutoramento na Universidade de Barcelona que están a dar os seus primeiros pasos na docencia universitaria. Exemplo da numerosa xuventude que se está a dar cita no congreso, ambas as dúas son pedagogas e comparten a autoría dun póster sobre os criterios que empregan os docentes universitarios para traballar e avaliar. “É unha pequena mostra do traballo que estamos a realizar e que se encadra dentro dun proxecto de investigación moito maior dirixido pola profesora Elena Cano”, sinala Verginica.
A ambas lle gustaría poder dedicarse no futuro á docencia e a investigación. “O que máis me motiva é que se trata dun proceso de aprendizaxe mutuo, no que ensinas pero no que tamén aprendes continuamente”, subliña Urriola, ao que a súa compañeira lle engade “é unha evolución constante en función das necesidades do alumno, do entorno, do momento...”.

Educar por competencias na clausura

O congreso clausurarase este sábado coa intervención do profesor da Universidade de Valencia José Gimeno que, baixo o título Educar por competencias, falará dos novos retos que se lle formulan á universidade, encargada de pór as condición necesarias para que o alumnado poida converterse nun profesional responsable que chegue a exercer a súa profesión dunha maneira competente.