DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Docentes en forma da man da Área de Innovación Educativa

O luns comeza un curso sobre ximnasia de mantemento para profesores

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 06/03/2008
Os docentes da Universidade teñen a partir deste luns unha nova oportunidade para pórse en forma co curso “Actividade física e saúde: ximnasia de mantemento”, unha iniciativa que, da man da Área de Innovación Educativa, pretende, entre outros obxectivos, asesorar aos asistentes sobre cal é o mellor tipo de exercicio que pode practicar para o seu caso particular.
Inserido dentro das accións formativas institucionais da Universidade de Vigo para o ano 2008, este curso tentará amosar que todas as persoas poden realizar unha actividade física moderada con beneficios para a súa saúde, facendo especial referencia á problemática específica do profesorado. Ademais, tentarase tamén motivar aos asistentes cara o abandono de hábitos nocivos como o tabaquismo, a alimentación hipercalórica ou o sedentarismo.

Os contidos prestan especial atención á saúde

Exercicios de tonificación muscular, consellos e actividades para unha columna vertebral san, técnicas básicas de relaxación e respiración ou estiramentos, son só algún dos temas que darán contido ao programa do curso. Xunto a isto, daranse tamén consellos e recomendaranse exercicios apropiados, tanto para persoas sen patoloxías como para os que sufran algún tipo de enfermidade: varices, cervicalxias, osteoporose, hipertensión...
As sesións de traballo terán unha duración dunha hora e desenvolveranse dous días á semana nas instalación do Servizo de Deportes. Agás a primeira sesión introdutoria, as sesións serán eminentemente prácticas, aínda que complementadas coas explicacións teóricas necesarias, de xeito que as persoas non só realizarán as tarefas baixo a supervisión dun monitor, senón que recibirán explicacións sobre os obxectivos e xustificación que ten cada exercicio.
O doutor especialista en Medicina Deportiva, Juan José Crespo Salgado, será o encargado de impartir a sesión introdutoria, despois encargarase da docencia Roman Lago, coordinador da Área de Deporte e Saúde do Servizo de Deportes, e Paula Rodríguez, licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.