DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Docentes e investigadores aprenden nun curso a manexar sistemas de información xeográfica con software libre

Levarase a cabo na primeira semana do mes de febreiro na ETSE de Minas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 25/01/2010
A falta duns días para que se peche a matrícula, o curso para aprender a manexar sistemas de información xeográfica con software libre cubriu xa todas as prazas. Os docentes apuráronse nesta ocasión para matricularse nun curso no que afondarán no denominado gvSIC, un programa informático dirixido a facilitar o manexo de información xeográfica con precisión cartográfica que se distribúe como software libre.
O curso, que se desenvolverá ao longo da primeira semana de febreiro na ETSE de Minas, xurdiu da iniciativa do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, “ante a necesidade que temos os docentes e investigadores de pornos ao día na xestión de datos mediante sistemas de información xeográfica”, salientou o profesor Ramón Díaz, un dos coordinadores do curso. “Trátase de ferramentas moi versátiles e útiles que cada vez se están a empregar máis, pois facilitan moito tanto o almacenamento, como a xestión, análise e presentación final de bases de datos cunha compoñente xeográfica”, explica o docente.

Orientación moi práctica

Concibido de xeito claramente práctico, as clases enfocaranse, sobre todo, cara temas de análise da flora e da vexetación, pois o obxectivo é que os docentes o poidan empregar tamén nas súas clases, “hai que ter en conta que se trata de software libre, o que supón que calquera pode acceder a el de xeito gratuíto, sen ter que pagar os elevados custes que acostuman a ter este tipo de programas”, engadiu Díaz, quen tamén indicou que no equipo de profesorado, un total de seis, van participar docentes das universidades de Vigo e Santiago e profesionais dunha empresa con moita bagaxe neste campo.
Dividido en oito bloques temáticos, o programa parte dunha introdución xeral sobre conceptos básicos de cartografía e sistemas de información xeográfica, para logo centrarse no que é o programa en si e, sobre todo, na creación de mapas e nos diferentes xeitos de modelización da realidade para o seu emprego na cartografía.
Esta actividade insírese dentro das accións formativas institucionais da Universidade para o ano 2010, organizadas pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, a través da Área de Innovación Educativa. A matrícula, caso de que algún dos matriculados renuncie á súa praza, pode formalizarse a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual. A asistencia ao curso será certificada pola Universidade de Vigo a todas aquelas persoas que asistan, polo menos, a oito sesións completas das dez que ten o curso.

Máis información.