DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da acción Eramus+ KA107, a actividade comeza este luns no campus vigués

Docentes e persoal administrativo de universidades de China, Cabo Verde, Kazakhstán e Albania visitan a UVigo 

Pola súa banda, unha delegación viguesa viaxou a semana pasada a Cabo Verde

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • ATHENA
  • Internacional
  • Visitas
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 24/07/2023

Cunha visita este mediodía á Biblioteca Central do campus de Vigo comezaron as actividades que ata o vindeiro venres desenvolverá nos tres campus da UVigo un grupo formado por 15 docentes e investigadores e persoal de administración de institucións académicas de China, Cabo Verde, Kazakhstán e Albania. Ao abeiro da acción Erasmus+ KA107 as e os docentes e o PAS da Universidade de Cabo Verde, da University  Aleksandër Moisiu Durrës (Albania), da Dalian Maritime University (China) e da Kazakh Ablai Khan University of International Relations and World Languages (Kazakhstán) visitarán escolas, facultades e diferentes servizos da UVigo, como a Área de Emprego, o Centro de Linguas o UVigo TV, localizados nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra.

“A Universidade de Vigo mantén unha estreita colaboración en materia de cooperación educativa coas universidades de Aleksandër Moisiu Durrës de Albania, coa Dalian Maritime University de China e a Universidade de Cabo Verde e o profesorado e persoal administrativo destas universidades vai ter oportunidade de afianzar lazos, derivados dos diferentes proxectos existentes e precedentes, así como sentar as bases para proxectos futuros de cooperación no marco de diversas convocatorias”, detalla Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización, en relación con esta visita, inserida na acción Erasmus+ KA107 do programa Eramus+, que prové fondos para a mobilidade con países que non pertencen á UE. 

O xermolo de novos proxectos e a continuidade de outros 

Boa parte das e dos docentes e investigadores, así como o persoal administrativo, que participa na acción que esta semana se desenvolve na UVigo, chegan con ideas previas para desenvolver proxectos futuros, mentres que outros xa teñen accións en marcha e terán a ocasión de coñecer ás e aos parceiros cos que están a traballar na actualidade. “As convocatorias no marco do programa Eramus+ KA107 garanten a igualdade de oportunidades seguindo unha serie de criterios académicos e de méritos de cada unha das persoas seleccionadas e establecen as datas para a mobilidade, tanto entrante como saínte”, explica Del Pozo, que confirma que a selección das persoas das universidades socias que participan nesta visita se realizou nas súas institucións de orixe, seguindo estes criterios.

No caso do persoal docente e investigador, a súa visita servirá para atopar sinerxías nas diferentes áreas académicas e sentar as bases para a elaboración de iniciativas e proxectos conxuntos, mentres que o PAS terá a oportunidade de coñecer o funcionamento da UVigo e os seus diferentes departamentos e servizos e así poder replicar este modelo nas súas universidades de orixe, se así o consideran.  “Están moi interesados en coñecer o funcionamento da biblioteca, os servizos informáticos, o Centro de Linguas, entre outros”, enumera a vicerreitora en relación coas preferencias do PAS estranxeiro que estes días visitará a UVigo. 

Reforzando a cooperación con Cabo Verde 

A visita dos e das docentes e do PAS estranxeiro prodúcese días despois da que unha delegación da UVigo realizou a Cabo Vede co obxectivo de reforzar a relación coa Universidade de Cabo Verde, coa que se está a desenvolver un proxecto de cooperación educativa, xurdido da man de Campus do Mar e posteriormente ampliado a outras áreas académicas e que en próximas convocatorias está previsto trasladar a outras áreas como Relacións Internacionais, informática, etc.

“Ademais do programa KA107 esta visita serviu tamén para coñecer o estado doutros proxectos desenvolvidos pola UVigo e que estableceron as bases de proxectos futuros no marco doutras convocatorias nacionais, europeas e internacionais, por exemplo na área da economía”, explica Maribel del Pozo, que confirma, que tamén se está a traballar no deseño dun proxecto de acción cooperativa no ámbito educativo que xira arredor da promoción da lusofonía, en liña coa estratexia de internacionalización da UVigo.