DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reuníronse ao abeiro do Foro da Creatividade co obxectivo de procurar un Ourense máis competitivo

Docentes, políticos e empresarios apostan por unha economía baseada no coñecemento para saír da crise

O profesor Martín Moreno subliñou a necesidade de que o goberno incentive ao sector empresarial

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 22/06/2010

2009 foi declarado o Ano Europeo da Creatividade e a Innovación e, con este motivo, personalidades de diferentes sectores como o cultural, o empresarial e o académico elaboraron un manifesto no que amosaban sete liñas de acción a levar adiante para a consecución dunha Europa máis creativa e innovadora. Ese escrito foi analizado este martes en Ourense co gallo da celebración do Foro da Creatividade, unha iniciativa organizada polo Concello baixo a dirección de José Ángel Vázquez Barquero, director xeral de Emprego e Promoción Económica e docente da Universidade de Vigo. A xuntanza reuniu ao redor dunha mesma mesa a representantes de institucións públicas e privadas, empresarios, axentes culturais e docentes para debater sobre as conclusións do citado manifesto e a súa posible aplicación na cidade, “para facer de Ourense un lugar máis innovador e competitivo”, nas palabras de Vázquez Barquero.
O relatorio inaugural correu a cargo de Luis M. Delgado, subdirector xeral de Modernización e Promoción da Investigación Universitaria do Ministerio de Educación, que subliñou “a necesidade de camiñar cara unha economía baseada no coñecemento e na innovación para saír da actual situación de crise económica que estamos a vivir”. Tamén interveu no acto José María Martín Moreno, profesor de economía da Universidade de Vigo, que apostou por un goberno dinamizador “que incentive aos diferentes sectores empresariais para acometer novas iniciativas e ideas en colaboración con outros ámbitos como o universitario”. Entre os participantes no foro atopábanse María Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias e Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática que subliñaron o papel da Universidade neste camiño e nesta aposta pola creatividade e a innovación.

A necesidade de reinventar a educación

Luis M. Delgado falou na súa intervención de creatividade, “é dicir, da capacidade de propor algo novo usando a tecnoloxía e o coñecemento dispoñible” ao tempo que defendeu a necesidade de fomentar a creatividade e a innovación “como unha solución para saír da crise”. Subliñou tamén o relator que en Ourense, como en Galicia, é posible acometer as accións necesarias nesta liña posto que o primeiro factor é o capital humano e entre as medidas do manifesto destacou a que fala de reinventar a educación porque, na súa opinión, “canto antes lles ensinemos aos nenos os valores da creatividade e da innovación antes teremos cidadáns capaces de ser emprendedores e de crear riqueza". Investir en coñecemento, premiar a iniciativa, apoiar a cultura, fomentar a innovación e o pensamento global e incluír consideracións ecolóxicas na economía son os outros seis piares do escrito analizados no foro.

Martín Moreno: “A creatividade en Galicia é nula”

Moito máis crítico foi o profesor José María Martín Moreno que afirmou que a creatividade en Galicia “é nula” e que as bases dunha economía baseada no coñecemento “son inexistentes na nosa comunidade”. Os diferentes cambios de goberno “nos que o que fan uns o esnaquizan os outros” e unha economía baseada na subvención son dúas das causas que están detrás desta realidade. O profesor afirmou que o peor non é este panorama negativo que temos, “o problema é que non se están pondo os piares para que dentro de 20 anos teñamos un panorama máis positivo”.
Nesta contorna o relator apostou por un goberno dinamizador que non subvencione a economía a través das políticas intervencionistas e por un traballo conxunto da clase política, empresarial e académica que permita sentar as bases para unha economía baseada na competencia, a creatividade e a innovación. Martín Moreno falou tamén do papel que debe cumprir a universidade na consecución deste obxectivo, “apostando pola competencia, cultivando a cultura do esforzo e colaborando co sector empresarial nun sistema universitario competitivo”.