DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do ciclo de conferencias "Docencia e innovación educativa"

Docentes universitarios debaten no campus novas formas de avaliar aos estudantes

A experta Leonor García Margalef defendeu un estilo de aprendizaxe máis profundo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 29/05/2009
A piques de comezar o mes de xuño e con el os procesos avaliadores nas aulas universitarias, os docentes da Universidade tiveron hoxe a oportunidade de coñecer o criterio dunha das maiores expertas nacionais en temas de avaliación educativa, Leonor García Margalef, con quen puideron contrastar ideas e entaboar un diálogo construtivo en torno a unha temática que a miúdo preocupa ao profesorado universitario: a avaliación da aprendizaxe dos estudantes.
Presentada polo vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, a experta, directora do Programa de Formación do Profesorado na Universidad de Alcalá, reflexionou sobre a importancia da aprendizaxe comprensiva na construción dun coñecemento crítico e valorou a importancia dos procesos avaliadores, “pois non nos esquezamos que a avaliación é a arma máis poderosa que temos os profesores para influír no modo en que os estudantes responden aos cursos”.
Cunha sentenza breve pero rotunda, “dime que valoras e direiche que aprenden os estudantes”, a relatora tentou transmitir aos profesores vigueses a importancia que ten o modo en que se formulen as clases, “unha avaliación continua é coherente só se se entende con fins formativos e se a realizan os profesores dentro das prácticas habituais do seu traballo”, sentenciou.

“Ensinar coa boca pechada”

Defensora de “ensinar coa boca pechada”, García Margalef defendeu, fronte aos modelos clásicos de avaliación como calificación, un novo estilo de aprendizaxe “máis profundo e duradeiro, comprensivo e reflexivo, pois si falamos de que nos atopamos no século XXI haberá que cambiar moitas fórmulas propias do século XIX que eran válidas cando naceron pero non agora”.
Fronte ás clases maxistrais nas que o centro segue a ser o profesor e nas que, segundo a súa visión, aprender se concibe como acumular información, o método da “boca pechada” estaría dirixido a deseñar toda a secuencia de actividades para que o alumno poida indagar e reflexionar. “Trátase de entender o coñecemento coma un proceso de construción, onde gañen importancia as diferentes tarefas de comprensión”, recalcou.
Proporcionar tempo e atención a cada estudante, titorizar e apoiar os seus procesos de aprendizaxe, facilitarlle diferentes tipos e estilos de aprendizaxe, xerar actividades propias e apropiadas ás finalidades que se persigan, introducir o diálogo reflexivo e, sobre todo, procurar espertar intereses, foron algunhas das claves nas que a experta fixo fincapé.

Dos discursos ás prácticas

A autora non tivo inconveniente en admitir que a aplicación do novo modelo xera certo desacougo, tanto para o docente como para o estudante. “O método tradicional é máis sinxelo, pois, en ambos lados, se sabe con antelación como van transcorrer as cousas”, destacou.
Para aplicar con éxito un modelo de avaliación formativa salientouse, entre outros aspectos, a importancia de superar a tallante división do tempo de aprender e o tempo de avaliar, “unha separación moi marcada na universidade” ou a necesidade de redifinir roles e poderes, “hai que ter en conta a voz de alumno no proceso de avaliación...”
Esta actividade, celebrada no salón de actos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, desenvolveuse ao abeiro do ciclo de conferencias Docencia e innovación educativa no escenario dos novos plans de estudo universitarios que ven desenvolvéndose desde hai varios meses no campus.