DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Docentes da UVigo amosan os resultados dun proxecto europeo sobre transformación dixital na xestión da mobilidade internacional

Participaron máis de 35 representantes de centros de educación superior e institutos pontevedreses

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 19/05/2023

Un equipo de docentes da Universidade de Vigo, dirixidos por Juan José Pazos Arias e Martín López Nores, tiveron este mes a oportunidade de presentar nunha xornada, ante a presencia de máis de 35 representantes de centros de educación superior e formación profesional da provincia de Pontevedra, os resultados do proxecto Erasmus+ KA2 SUDTE no que un consorcio composto por cinco socios europeos -de Italia, Luxemburgo, Turquía e España- analizou todo o proceso de transformación dixital na xestión da mobilidade internacional.

As xornadas leváronse a cabo na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e contaron coa participación da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, quen, ademais de agradecer a participación de todas as persoas asistentes, destacou a importancia da transformación dixital para todas as entidades educativas, entre elas a propia Universidade de Vigo, especialmente a raíz da pandemia da covid, así como a experiencia adquirida no últimos anos arredor das ferramentas de dixitalización. Á súa beira contouse tamén coa participación da directora da Área de Proxectos Educativos Internacionais, Eva Garea, e do coordinador do proxecto, o profesor José Pazos, que foi o encargado de presentar os obxectivos deste proxecto e o estudo que se levou a cabo para coñecer a situación actual do proceso de transformación dixital das institucións de educación superior, así como os materiais elaborados vinculados aos procedementos de internacionalización.

Solucións e retos na xestión da mobilidade internacional

Para a posta en marcha deste traballo realizouse un primeiro estudo orixinal no que se analizaron desde un punto de vista holístico os procesos de transformación dixital a partir de diferentes proxectos realizados no ámbito do programa Erasmus+. Segundo explicaron na xuntanza os docentes da UVigo, o informe elaborado amosa que a dixitalización é unha ferramenta crucial para a axenda política da Unión Europea, que se estenderá a moitas outras áreas. Tamén no marco dos resultados deste proxecto, o profesor Martín López Nores explicou aos participantes o ecosistema europeo existente de ferramentas de xestión das mobilidades co obxectivo de optimizar a súa xestión. Todos os membros do equipo de SUDTE UVigo foron presentando polo miúdo os avances do proxecto, así como os retos atopados e a comparativa das solucións postas en marcha para superalos. A maiores tamén se ofreceron exemplos de boas prácticas nos procesos de migración dixital e tratáronse posibles solucións para lograr unha migración exitosa, así como para mellorar significativamente a participación en accións internacionais. 

Por outra banda, as e os participantes -representantes de institutos de Vigo, Redondela, Porriño, Mos, Pontevedra, Bueu, O Grove, Vilagarcía de Arousa...- tamén tiveron a oportunidade de explicar como están a xestionar os procesos de internacionalización nos seus centros e de compartir as súas propias experiencias e retos en materia de procesos de dixitalización e participación en proxectos educativos europeos.

Coa mirada posta en novos proxectos

A xornada incluíu tamén un obradoiro de intercambio de experiencias e boas prácticas no que Eva Garea explicou ao público asistente como acceder virtualmente á información europea para captar financiamento a través da acción KA2 do programa Erasmus+ que fomenta a cooperación entre diferentes sectores educativos, como a educación superior, a educación escolar ou a formación profesional e dual. Nesta liña, incidiu nas oportunidades de colaboración conxunta entre os centros de educación superior e formación profesional galegos e a UVigo para a presentación de novas propostas de proxectos, por exemplo, na nova convocatoria europea que está aberta para financiar a creación de Centros de Excelencia para a Formación Profesional.

Este obradoiro permitiulle aos asistentes adquirir novos coñecementos e compartir experiencias arredor da internacionalización, a dixitalización de procesos e a mellora continua da educación e da formación profesional. Ademais, tal e como destacaron desde a organización, a diversidade de centros educativos presentes reflicte o crecente interese das institucións educativas e de formación profesional por xestionar a mobilidade internacional, modernizar os seus procesos de xestión e abrirse a novos proxectos internacionais educativos, o que demostra unha clara aposta pola cooperación internacional.