DUVI

Diario da Universidade de Vigo

V edición do Festival Internacional da Lusofonía

Documentais, encontros e música, darán contido ao festival “Cantos na Maré”

Do 12 ao 15 de decembro na Casa das Campás e no Pazo da Cultura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 10/12/2007

Para os afeccionados á música esta será, sen dúbida, unha semana especial, xa que do 12 ao 15 de decembro poderán disfrutar das proxeccións de documentais, dos encontros con artistas e, por suposto, dos espectáculos musicais que darán contido a Cantos na Maré. Esta quinta edición do Festival Internacional da Lusofonía, que acolle a Casa das Campás e o Pazo da Cultura, é un evento pioneiro que nace en Galicia como unha aposta musical singular e co obxectivo de trazar un mapa común entre os diferentes territorios da lusofonía a base de ritmos, sons e melodías.
O espectáculo caracterízase por ser un proxecto de aproximación de culturas e fomento da diversidade, que abre novas oportunidades de proxección á creación artística. Un dos eixes principais é o seu formato innovador, baseado na súa construción colectiva, onde artistas de diversas orixes conviven preparando un repertorio exclusivo que interpretan en conxunto. Este intercambio cultural activo é a base da filosofía do festival, resultando como valor engadido un produto musical exclusivo de altísima calidade artística.
O espectáculo musical terá lugar o sábado,ás nove da noite, no Pazo da Cultura e contarará coa actuación de artistas de recoñecido prestixio como Uxía, Paulo Flores, Mercedes Peón, Ceumar, Nancy Vieira e JP Simões, que cederán os seus dereitos a unha ONG.

Documental, encontro e rede

Ademais da parte propia de espectáculo musical, o evento está dividido en tres areas ben diferenciadas. En primeiro lugar, Cantos na Maré Documental, integrado por proxeccións de documentais que terá lugar na Casa das Campás do mércores 12 a o sábado 15 de decembro. En segundo lugar, Cantos na Maré Encontro, unha programación orientada a conectar o evento coa poboación a través da interacción directa, e así pór en valor o espectáculo ao tempo que se espalla a cultura musical. Farase un encontro con estudantes universitarios que terá lugar o xoves 13 de decembro, ás sete da tarde, na sede da vicerreitoría do campus de Pontevedra. E xa, por último, Cantos na Maré Rede, un espazo aberto de reflexión e debate (formato talk-show) entre axentes culturais internacionais, xornalistas e xeradores de opinión. Trátase dun encontro entre profesionais do mercado europeo, Brasil e Portugal co obxectivo de contribuír a este intercambio cultural.

Para máis información www.cantosnamare.org