DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No XII Memorial Filgueira Valverde que terá lugar os días 5, 6 e 7 de novembro

Dolmens e pinturas rupestres conquistan ao público do século XXI

Estudaranse os restos atopados nos xacementos do Cabrón, Porto Maior e na Cova de Eirós

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 22/10/2013
O Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra conta entre os seus fondos cunha ampla colección de mostras de pintura rupestre plasmada nas lousas que conforman dos dolmens, actualmente en proceso de restauración, que ben poderían chegar a ter máis de 6000 anos de antigüidade segundo explicaron os representantes da Deputación de Pontevedra o pasado mes de agosto durante o acto de inauguración deste espazo expositivo. O interese que espertaron entre o público pontevedrés estes fondos prehistóricos e arquitectónicos serviulles “como fonte de inspiración” a Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra, e a Antonia Blanco, vicerreitora do campus, para determinar “case nun intre” cales serían os contidos a tratar no XII Memorial Filgueira Valverde que cada outono se celebra na cidade.

Universidade e Museo de Pontevedra, en colaboración coa Deputación provincial, organizan os vindeiros días 5, 6 e 7 de outubro tres conferencias nas que expertos de recoñecido prestixio e traxectoria intentarán achegar aos participantes a esta etapa da historia. Pero os restos cos que conta o Museo datan de moitos antes e para Carlos Valle resulta “curioso” ver como as persoas que visitan o Edificio Sarmiento “se sorprenden que de houbese xente aquí hai 400 ou 500.000 anos despois de veren os útiles e os restos dos xacementos dunha época tan lonxana para eles como é o Paleolítico Medio”.

Tres grandes fitos

En Galicia, explica o director do Museo de Pontevedra, existen numerosos restos da arte paleolítica pero, “ata hai pouco máis dun ano eran completamente descoñecidos para o gran público”. Nisto precisamente incide tamén a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, quen salienta o papel da Universidade como canle para divulgar estes coñecementos a través de actividades “xa consagradas na cidade como é este Memorial Filgueira Valverde ”.

A través de tres conferencias, a proposta do Museo de Pontevedra, Deputación provincial e a Vicerreitoría do campus pretende analizar tres fitos particularmente significativos na investigación da Prehistoria galega nos últimos anos: os xacementos do Cabrón (Arbo, Pontevedra) e do Porto Maior (As Neves, Pontevedra), a Cova de Eirós (Triacastela, Lugo) e as pinturas asociadas aos monumentos megalíticos.

O primeiro destes relatorios terá lugar o martes 5 de novembro no Sexto Edificio da man de Eduardo Méndez do Instituto de Estudos Miñoraos que afondará no que foi considerado, ata hai ben poucos anos, o poboamento máis antigo do país, as Gándaras de Budiño. O mércores 6, o catedrático de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Fábregas Valcarce, compartirá co público asistente os seus coñecementos sobre as pinturas e gravados, datadas no Paleolítico superior, aparecidas na Cova de Eirós, situada na montaña lucense, sendo estas "as primeiras testemuñas da arte parietal do noroeste peninsular”, subliña o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle. Por último, co obxecto de coñecer de primeira man as pinturas asociadas aos monumentos da época neolíotica, “esenciais para un mellor coñecemento da visión que temos hoxe do mundo simbólico e a capacidade técnica de quen os produciu hai cinco ou seis milenios”, achegarase ata este edificio do Museo de Pontevedra o vindeiro xoves 7 de novembro, o director da Escola Superior de Conservación e Restauracións de Bens Culturais de Galicia, Fernando Carrera.

A participación nestas conferencias é totalmente gratuíta e non é necesario realizar unha inscrición previa.