DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ex reitor afirma que o seu traballo “ten máis que ver con imprimir unha marca de independencia”

Domingo Docampo nomeado presidente do consello de administración de Xornal de Galicia

O medio verá a luz o vindeiro 9 de decembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/12/2008

Domingo Docampo será o presidente do consello de administración de Xornal de Galicia S.A, despois que a xunta de accionistas do medio, que verá a luz o vindeiro 9 de decembro, acordase o seu nomeamento. “É un traballo de fondo e non acotío que podo compatibilizar coas actividades que desenvolvo na actualidade”, asegura Docampo que afirma que o seu desempeño á fronte do consello de administración “ten máis que ver con imprimir unha marca de independencia que non cun número de horas”.
O ex reitor da Universidade de Vigo presidirá un consello de administración do que tamén forman parte Ramón Barral como vicepresidente económico; o ex vicerreitor da Universidade de Vigo Xavier Martínez Cobas, como conselleiro delegado; José Piay, Ceferino Díaz, Fernando Filgueira, Manuel Gallego Jorreto, Victorino Núñez, Javier Rey e José Luís Gómez que é tamén o director de Xornal de Galicia. Pola súa banda a letrada Paloma Vázquez, será a secretaria do consello de administración.
Este non será o primeiro contacto que Docampo terá co mundo xornalístico xa que “colaborei escribindo para algún medio”, lembra, aínda que agora “trátase dunha oportunidade distinta nun mundo do que non formei parte e que considero certamente interesante”.
O novo diario que abarcará toda Galicia, con especial atención ás áreas metropolitanas, nace con versións impresa e dixital. Xornal de Galicia pertence a Udramedios, filial do Grupo San José que integra as súas participacións en diversos medios de comunicación. Sobre o novo medio o ex reitor da Universidade de Vigo apunta que “este proxecto no que participan algúns amigos e no que se me convidou a tomar parte, aspira a encher un baleiro que consideramos existe neste momento no panorama xornalístico. Espero que sexamos quen de logralo”.

Frontes de traballo

Reitor da Universidade de Vigo entre os anos 1998 ao 2006, Domingo Docampo é doutor en Matemáticas pola Universidade de Santiago e desde 1992 catedrático no Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo. Desde xaneiro de este ano, Docampo coordina o programa IMAN, a Unidade de Captación de Intelixencia Estratéxica creada pola Xunta de Galicia coa finalidade de captar investigadores de alto nivel coa finalidade de executar proxectos de carácter estratéxico para Galicia. Ademais desde marzo de 2008, preside a L'Agència per a la Qualitat del Sistema Universitari de Catalunya, AQU Catalunya.