DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus rendeu homenaxe a Emilia Pardo Bazán no Día Internacional da Non Violencia contra as Muller

Dona Emilia volta a entrar na universidade

A sala multiusos do Edificio de Ferro pasa a levar o seu nome

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 25/11/2011

“Todas as mulleres teñen ideas pero só unhas poucas teñen fillos”. Con esta contundente premisa Emilia Pardo Bazán reivindicaba no século XIX o seu dereito e o de todas as mulleres a ir máis alá da súa función no fogar, a formarse e a ocupar un lugar no espazo público. Este venres, co gallo do Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres, o campus de Ourense rendeulle unha emotiva homenaxe na que se lembrou o seu papel pioneiro en moitos eidos de representación da muller cando aínda o termo feminismo non se acuñara. Entre eles o académico, pois foi a primeira muller catedrática en España.

A homenaxe comezou coa descuberta dunha placa pola que a sala multiusos do Edificio de Ferro, onde habitualmente se celebran eventos culturais e académicos, pasa a ter o nome da escritora galega. De seguido, e coa sala chea de membros da comunidade universitaria, comezou o acto coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Zaza Ceballos, directora da película Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde; Xosé Ramón Barreiro, coordinador da Área Emilia Pardo Bazán da Real Academia Galega; Anna Amorós, profesora da Universidade de Vigo; Rogelio Martínez, delegado da Xunta de Galicia en Ourense; e Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno en Ourense. Eles foron os encargados de falar sobre a escritora e lembrar o Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres antes da proxección por primeira vez da película realizada por Zaza Ceballos.

A primeira catedrática

María Lameiras quixo lembrar ao comezo da homenaxe como Emilia Pardo Bazán rompeu os prexuízos da súa época converténdose nunha das figuras literarias máis importantes e como foi a primeira catedrática dunha universidade española. Sen embargo, salientou, pola violencia contra as mulleres existentes na época, non tiña alumnos e foille retirada a cátedra. Co acto simbólico de traer a súa figura ás aulas universitarias de novo, esta vez sí cun auditorio de persoas, a vicerreitora destacou que se lle quixo facer un xusto tributo á figura de Pardo Bazán.

Pola súa banda, tanto Camilo Ocampo como Rogelio Martínez apuntaron o feito de que este acto se realizou na data na que se conmemora o Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres. “Días coma este lémbrannos que queda moito camiño que percorrer e que debemos seguir traballando pola corresponsabilidade de toda a sociedade”, salientou o delegado da Xunta en Ourense. Neste camiño cara a eliminación da violencia contra as mulleres, o subdelegado do goberno en Ourense quixo destacar o papel da educación e a colaboración de todas as institucións.

Unha condesa rebelde

Xosé Ramón Barreiro foi o encargado de facer unha semblanza da figura de Emilia Pardo Bazán. “Que pensaría dona Emilia se estivese aquí?” comezou preguntándose. A resposta, dixo, sería que “estaría moi satisfeita, moi contenta” pola súa especial vinculación con Ourense e co ámbito universitario. Da escritora, Barreiro comentou que “foi capaz de demostrar a aquela España pechada que a muller non só era reprodutora e coidadora, que podía ocupar espazos públicos coma calquera persoa”.

Para achegarse en profundidade á figura da homenaxeada proxectouse a película de Zaza Ceballos, “unha das primeiras mulleres en traballar no eido audiovisual en Galicia”, segundo dixo Anna Amorós. Aínda que a produción fala por si mesma, de Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde Ceballos salientou que deixa patente como a protagonista "quixo romper continuamente o teito de cristal, quería sempre máis e por iso todos os que traballamos na produción quedamos namorados dela”.