DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O dossier da candidatura de Vigo á Universiada, no Consello Superior de Deportes

O 4 de marzo terá lugar a defensa o proxecto ante unha comisión do CEDU

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI DUVI 25/02/2008

A conta atrás para coñecer a cidade que acollerá a Universiada 2013 continúa. A candidatura de Vigo presentou este luns no Consello Superior de Deportes o seu dossier, paso previo á defensa do proxecto o vindeiro 4 de marzo en Madrid. Trátase dun documento que contempla as esixencias e requirimentos determinados polo Federación Internacional de Deporte Universitario para optar a ser a sede. O dossier da candidatura comprende 18 capítulos nos que se fai referencia ás infraestruturas deportivas, ás comunicacións, á oferta hoteleira, ao organigrama, aos aspectos legais e financeiros e tamén á programación cultural prevista paralela á cita deportiva.

Un documento amplo e completo

Continuando coa imaxe e presentación do cuestionario obrigatorio presentado en decembro, este dossier sigue coa mesma liña estética e inclúe tamén información gráfica en soporte dixital na que se fai referencia aos diversos apoios institucionais, empresariais, deportivos e sociais cos que conta a candidatura de Vigo. Ademais inclúese unha completa documentación sobre as infraestruturas deportivas e un dossier de prensa completo dende que botou a andar a candidatura viguesa. O documento orixinal foi presentado no interior dun bloque de metacrilato de cor azul, simulando ao océano e ensamblado con pezas en aceiro inoxidable mariño, empregadas tradicionalmente no sector naval.

Varias citas ineludibles

No Consello Superior de Deportes depositáronse o orixinal e 25 copias do documento, destinadas aos membros do Comité Español de Deporte Universitario, CEDU, que serán os encargados de decidir o vindeiro 11 de marzo entre as cidade de Vigo e Murcia para representar a España na elección internacional para ser seda da Universiada do verán de 2013. Antes desa votación, o vindeiro 4 de marzo, o equipo de traballo da candidatura viguesa terá que defender a súa proposta en Madrid ante unha comisión na que toman parte universidades, comunidades autónomas e federacións españolas dos deportes que se disputarán na Universiada. En total, serán representantes das universidades Juan Carlos I de Madrid, Cantabria, Alacante, Santiago de Compostela, Valladolid, Málaga e a Autónoma de Barcelona, os directores xerais de Deportes de Andalucía, de Madrid, do CSD e o subdirector xeral de Promoción Deportiva e Deporte Paralímpico do CSD. Xunto con eles, nesta comisión terán parte os presidentes das federacións españolas de atletismo, baloncesto, esgrima, fútbol, ximnasia, deportes acuáticos, tenis, voleibol, judo, tenis de mesa, ciclismo, remo e vela.
Se o día 11 de marzo, a cidade de Vigo fose a elixida para representar a España, catro días máis tarde a candidatura deberá ser presentada en Bruxelas, na Federación Internacional de Deporte Universitario. Este Dossier da Candidatura deberá ser entregado en inglés e francés, os idiomas oficiais da FISU. Posteriormente, entre os días 16 de marzo e 30 de maio, unha delegación deste organismo internacional visitará a cidade olívica para avaliar o proxecto. A defensa da proposta terá lugar en Bruxelas, ante a comisión da FISU o 31 de maio, data na que se coñecerá a cidade elixida para albergar a Universiada 2013.