DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo feminino da Universidade acadou a medalla de ouro no Campionato Nacional

Douradas atletas de campo a través

Solange Pereira acadou a prata a nivel indivual

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 01/04/2011

Ouro por equipos e prata individual para Solange Pereira. Ese foi o botín co que as atletas da Universidade de Vigo volveron da súa participación no Campionato de España de Campo a Través celebrado a pasada fin de semana en Asturias. Solange Pereira, Sandra Mosquera, Andrea García e Iria Fernández, en categoría feminina, xunto con Jorge Rodríguez, en masculina, foron os representantes da institución viguesa nunha proba na que as universidades levaron aos seus mellores representantes. “Ata que chegamos alí non soubemos con quen íamos competir”, asegura Sandra Mosquera, que recoñece que “xa dende fai meses quedaramos en ir, porque sabiamos que este ano tiñamos un bo grupo”. O certo é que “as rivais eran difíciles, sobre todo as que quedaron segunda e terceira por equipos, porque tamén tiñan xente boa”, recorda Iria Fernández, que nesta ocasión exerceu de capitá.

Pese a todo a carreira seguiu o guión esperado. Nun circuíto “bastante rápido, chairo e con pouca lama, aínda que choveu bastante”, Solange foi sempre no grupo de cabeza, con Sandra e Andrea atacando tamén aos primeiros postos. Ao final só a atleta canaria, estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, foi quen de rematar entre as tres primeiras, cunha prata que soubo a ouro, porque “permitiunos recortar moitos puntos”, explica Mosquera, corredora do Comesaña. Ela rematou décimo terceira nunha proba que a nivel individual “non me foi moi ben. Atopeime mal durante a carreira e non corrín como esperaba, pero si que é verdade que cando tes un equipo ao que apoiar vale a pena sufrir un pouquiño máis” e o premio foi rematar primeiras por equipos, unha clasificación á que axudou tamén o décimo quinto posto de Andrea García. Pola súa banda, Fernández, con problemas de espalda, finalizou na posición 35, un resultado co que está “contenta, pois este ano teño bastantes problemiñas e aínda así puiden aguantar un bo ritmo”.

O certo é que na pasada edición, disputada en Albacete, o combinado da Universidade tivo que conformarse co cuarto posto, pero desta volta, coas súas atletas realizando unha gran tempada cos seus clubes e coas seleccións autonómicas, as súas aspiracións eran acadar un oco no caixón. De todos modos, segundo afirmaba Iria “o primeiro posto foi unha sorpresa merecida e valorada por todos, algo do que me alegro”, xa que como subliña Mosquera “unha vez que gañas non o cres”.

Un único representante masculino

Pola súa banda Jorge Rodríguez, o único representante masculino rematou no posto 49 nunha proba na que tomaron a saída 159 participantes. O atleta do San Fernando Lucus competiu con algúns dos mellores do panorama nacional, polo que ao finalizar a carreira mostrábase satisfeito do seu resultado.