DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dourado botín no Nacional Universitario de Loitas Olímpicas

Os tres representantes da Universidade de Vigo lograron o ouro nas súas respectivas categorías

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 15/03/2011
Tres ouros, un por cada un dos loitadores da Universidade de Vigo que participaron no I Campionato de España Universitario celebrado en San Javier, Murcia. Ese foi o botín recollido por Miguel Masciopinto, estudante de Enxeñaría de Telecomunicación, na categoría de 66 kg, e os estudantes de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, José Luis Puentes, en 84 kg, e Diego Pallares, en 96 kg. Entre os tres puxeron de manifesto o gran nivel da loita galega na primeira cita universitaria da loita libre olímpica.

Ata 18 universidades participaron nesta proba, que aínda ten modalidade amateur, e que estaba inscrita dentro das actividades que rodearon ao Campionato de España sénior, no que os tres alumnos vigueses tamén loitaron co combinado galego que rematou no primeiro posto da clasificación por equipos.

Masciopinto, Puentes e Pallares “foron os únicos representantes das universidades galegas”, recorda Nicolás Castro, director técnico da área de tecnificación da Federación Galega de Loita. “En Vigo hai moi bos deportistas, moitos na Universidade, foi unha pena non poder ir con máis”, salientaba Castro para quen “os resultados están aí, demostraron o seu gran nivel”. O certo é que nesta primeira edición a cita universitaria aínda non era oficial, pero dende a federación nacional están a traballar para que o próximo ano sexa puntuable para participar no Campionato do Mundo Universitario.

Como recoñecía Miguel Masciopinto, “íamos preparados para o sénior absoluto. Levamos moitos anos adestrando, e en Galicia hai moi bo nivel, así que no tivemos demasiados problemas nesta categoría”. De feito, o loitador do club Kuzushi de Vigo impúxose con superioridade nos catro enfrontamentos de 66 kg. Pola súa banda, José Luis Puentes, do Vilalba, competiu en 84 kg e alzouse co triunfo final tamén sumando os seus combates por vitorias, como tamén lle sucedeu a Diego Pallares, do Keltoi, que case non atopou oposición nos seus rivais en 96 kg. Os seus bos resultados permitiron ademais situar á Universidade de Vigo no máis alto da clasificación por clubes, con 30 puntos, por diante dos anfitrións, a Universidade de Murcia, que participaba con cinco loitadores e rematou segunda con 27 puntos.

Boa saúde da loita universitaria

“Na Universidade a loita está a moi bo nivel. Está adestrando moita xente que leva nisto dende pequenos e estas citas nacionais son unha boa oportunidade”, asegura Masciopinto, que forma parte dese grupo que seguiu practicando o seu deporte unha vez superada a etapa escolar, aínda que agora sexa máis complicado compaxinar as horas no ximnasio cos seus estudos de Enxeñería de Telecomunicación. De todos os modos ten unha cousa clara, que calquera actividade que sirva para fomentar o deporte é unha boa iniciativa”.