DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous alumnos do campus gañan o campionato de pádel nunha final Pontevedra-Ourense

Víctor García e Rodrigo Figueroa venceron por un dobre 6-4 aos irmáns Conde Iglesias

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
E.L. Castro DUVI 17/03/2010

O campus de Pontevedra acolleu este martes o Campionato Universitario de Pádel, que se saldou cunha vitoria para dous alumnos da casa nunha final Pontevedra-Ourense. A parella formada por Víctor García e Rodrigo Figueroa impúxose por un dobre 6-4 aos irmáns Conde Iglesias, José Enrique e Carlos, nun encontro que o técnico en actividades deportivas do campus, Gustavo Loureiro, cualificou como “bastante igualado”. O Servizo de Deportes analizará agora a posibilidade de enviar algún representante da Universidade de Vigo ao Campionato Universitario de España , xa que “ademais da dispoñibilidade dos xogadores, teñen que cumprir unha serie de requisitos, como estar federados e ter certo ránking a nivel galego, polo que valoraremos as opcións”, indicou Loureiro.

Representantes dos tres campus en semifinais

A competición deu comezo nas instalacións do Club Padelbao ás 9.30 da mañá e desputouse en tres fases, cunha liguiña inicial desenvolvida en dous grupos, que deu pase ás semifinais, con enfrontamentos cruzados das dúas primeiras parellas clasificadas en cada grupo, da que saíu a á final. Os partidos xogáronse ao mellor de tres sets curtos, comezando cada set co marcador en 2-2 e con tie-break en todos eles. Participaron un total de oito parellas –catro do campus de Pontevedra, dúas de Vigo e dúas de Ourense– e chegaron ás semifinais representantes dos tres campus.
Víctor García e Rodrigo Figueroa gañaron con suficiente vantaxe os dous partidos que os meteron en semifinais, cun dobre 6-2 a favor no primeiro e por 6-3 e 6-2 no segundo. Pola súa parte, os irmáns Conde Iglesias chegaron ás semifinais cun encontro gañado tamén cun dobre 6-2 e outro que non se xogou ante a ausencia da outra parella.
Coláronse tamén na segunda fase as dúas parellas viguesas, formadas, dunha banda, por Fernando Casal e Cristóbal Novo, e da outra, por Antón Ocampo e Pablo Peña.
O primeiro partido das semifinais resolveuse en dous sets, cuns resultados de 6-4 e 6-3 favorables para a parella ourensá; e o segundo finalizou cun marcador de 6-2 e 7-6 para os pontevedreses.
A sorpresa da xornada deuna a única parella feminina anotada no torneo. Ao non haber grupo feminino, optouse por unha competición conxunta na que Coloma Viúdez e Beatriz Reinoso, do campus de Ourense, se enfrontaron a dúas parellas masculinas na fase inicial. Non chegaron ás semifinais, pero amosaron un bo nivel e destreza no campo de xogo.
Ao remate da xornada, Gustavo Loureiro e Jesús Álvarez, este do club Padelbao, fixeron entrega dos trofeos aos dous primeiros clasificados.