DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jesús Pastor e Yolanda Herranz participan na exposición ‘Para GTB’

Dous catedráticos de Belas Artes, nunha homenaxe colectiva a Gonzalo Torrente Ballester

Esta mostra será inaugurada este mércores na sede da Fundación Torrente Ballester, en Santiago

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 09/12/2013

Dobremente representada estará a Facultade de Belas Artes na inauguración, este mércores 11 de decembro ás 20.00 horas, da exposición colectiva Para GTB, na sede da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, en Santiago de Compostela. Non en van, tanto a catedrática de Escultura Yolanda Herranz coma o catedrático de Debuxo Jesús Pastor, ambos docentes deste centro da Universidade de Vigo, participan coas súas obras, xunto a Vari Caramés, Julio Zachrisson e Manuel Quintana Martelo nunha exposición que traza unha homenaxe artística ao escritor ferrolán.

Esta exposición ten ademais como comisario a un antigo docente da Facultade de Belas Artes como Miguel Fernández-Cid e poderá visitarse ata finais de febreiro do vindeiro ano na sede desta Fundación, cuxa directora cultural é Carmen Becerra, profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Vigo.

A palabra como “materia central”

Tres fotografías e un texto, que toman como punto de partida unha instalación realizada por Yolanda Herranz no monumento aos heroes de Ponte Sampaio, e seleccionada posteriormente para a exposición Genealogías Feministas no MUSAC de León por abordar cuestións de xénero nunha intervención pública, conforman a achega desta catedrática de Escultura a unha exposición que entende como “unha maneira de homenaxear e recordar” ao escritor ferrolán, ao que profesa un “especial aprecio” desde o tempo no que coincidiron en Salamanca.

Dáse ademais a circunstancia de que a obra da que parte, Caídas, “unha alegoría reivindicativa ás heroínas anónimas de todas as batallas”, foi tamén a primeira fase dun proxecto ao que Herranz deu o nome de Destierros. A segunda tivo como escenario a propia sede da Fundación á que retorna este mércores e cuxa sala de exposicións inaugurou en 2003 unha escultora que, ao igual que Torrente Ballester, atopou na palabra “o materia central” da súa labor artística.

O libro como obxecto físico

Na súa achega a esta homenaxe colectiva a Torrente Ballester, Jesús Pastor centrou o seu labor nun libro do ferrolán que recoñece lle gusta moito, Compostela. Pero non empregou só o seu contido como fonte de inspiración, senón unha edición concreta, o propio “libro como obxecto físico” como punto de partida dun proceso que, na súa imaxe final, exhibe desde outro prisma as propias letras da obra; que, apunta, “contan a mesma novela” doutro xeito.

Tanto os bocexos previos trazados por este catedrático nesta “lectura dun libro desde outro ángulo moi diferente”, como a propia imaxe final serán presentadas nesta exposición e obxecto así mesmo dunha edición, ao igual que o traballo de Yolanda Herranz, con tiraxe limitada.