DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Distinguiron artigos dos que é coautor o catedrático Fernando Pérez

Dous congresos internacionais premian traballos de investigadores vigueses sobre seguridade multimedia

Elaborados xunto con científicos novos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 03/11/2011
A mestura da experiencia de profesionais cunha recoñecida traxectoria cos folgos e ideas de investigadores novos vén de dar resultados moi positivos. Dous congresos internacionais recoñecen sendos traballos sobre seguridade multimedia elaborados na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O nexo de unión entre eles é o catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, Fernando Pérez, coautor dos artigos, que destaca que “estes premios supoñen a confirmación de que o noso traballo en seguridade multimedia, área na que temos contribuído durante os últimos 15 anos, está ao máximo nivel internacional”.

O primeiro dos escritos galardoados está asinado por Pérez xunto con Pedro Comesaña, contratado doutor na Universidade de Vigo, e con Chaouki Abdallah, catedrático na University of New Mexico. O relatorio foi presentado no 10th International Workshop of Digital Forensics and Watermarking (IWDW11), no que recibiu o premio ao mellor artigo deste simposio, celebrado a pasada semana en Atlantic City, New Jersey. O xurado valorou o carácter multidisciplinar do traballo e “o feito de que as conexións que establecemos poden servir, e de feito sirven, para tender pontes entre dous mundos aparentemente moi distantes como son o control automático e a seguridade multimedia”.

No escrito, titulado Witsenhausen's counterexample and its links with multimedia security problems, establécese un vínculo entre un problema bastante coñecido na área do control automático, o chamado contraexemplo de Witsenhausen, que foi propuesto nos anos 60. Explica Fernando Pérez que “establecemos relacións con problemas de seguridade multimedia, que son nos que realmente traballamos e, para iso, facemos uso dunha estrutura matemática coñecida como 'celosías multidimensionais', que son as que nos axudan a establecer esas relacións”. Puntualiza o catedrático que podemos dicir que se trata dun traballo multidisciplinar, no que o profesor Abdallah achegou o seu coñecemento experto en control automático “e nós contribuímos a establecer as relacións con problemas de seguridade na información multimedia”.

Outro galardón, ao mellor artigo de estudante

O segundo premio recoñece a calidade do traballo de Juan Antonio Elices como mellor artigo de estudante, distinción outorgada no IEEE International Workshop on Information Forensics and Security, en Foz de Iguaçu (Brasil). Neste caso trátase dun traballo asinado tamén polo catedrático Fernando Pérez e do que é coautora Carmela Troncoso, da Universidade Católica de Lovaina. Explica Pérez que este é o congreso en seguridade multimedia máis importante do mundo, avalado polo prestixioso IEEE (Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos, de EEUU), un simposio “moi selectivo no que só se aceptaron 40 artigos de 123 enviados”.

O título do traballo é Fingerprinting Tor's Hidden Service Log Files Using a Timing Channel e nel plantéxase uhna solución, que posteriormente analizaron matemáticamente, para conseguir deixar pegadas en ordenadores de usuarios que se esconden tras redes "anonimizadoras". Por exemplo, apunta Fernando Pérez, “estas pegadas poden servir como elemento probatorio de que un usuario permite descargas de ficheiros de pornografía infantil dende un determinado ordenador”.

Dende o punto de vista do catedrático vigués, o xurado valorou, por un lado, a idea de como deixar pegadas en servidores agochados tras redes anonimizadoras e, polo outro, o feito de que “acompañamos o estudo cunha análise estatística moi rigorosa que permite determinar cales son as probabilidades de xerar falsos positivos en función do tempo do que se dispón para 'marcar' o servidor”.

A pesar de que este non é o primeiro premio recibido por este grupo de investigación, o catedrático destaca por riba dos galardóns a captación de fondos, xa que “o máis importante é o feito de ter conseguido financiamento para o noso traballo nas convocatorias de proxectos europeos”: no Quinto Programa Marco co proxecto CERTIMARK; no Sexto Programa Marco, coa rede de excelencia ECRYPT; e ahora no Sétimo, co proxecto REWIND.