DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 300 escolares participan venres e sábado na EE Forestal na 'Feira da Miniciencia'

Dous días para reivindicar aos investigadores do mañá

O alumnado de primaria presentará no campus os proxectos que desenvolveu no programa 'Pontenciencia'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 03/06/2014

Seguindo as directrices duns comités científicos integrados por profesorado das diferentes facultades e escolas do campus, preto de 300 alumnos e alumnas de Primaria de sete colexios de Pontevedra viviron nos últimos meses a súa primeira experiencia como investigadores no marco do programa Pontenciencia, que impulsan o Concello e a Vicerreitoría do campus. O resultado final deste proceso foron un total de 28 proxectos de investigación, que agora tocará amosar ao público e someter á avaliación do xurado na Feira da Miniciencia, o evento que se desenvolverá este venres e sábado na Escola de Enxeñaría Forestal.

Como "unha iniciativa de carácter transversal”, na que a administración local e a Universidade sumaron as súas forzas co profesorado dos centros educativos da cidade e coa Federación de ANPA de Colexios Públicos de Pontevedra (Fanpa), presentou nesta xornada o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, un programa que neste 2014 desenvolve a súa primeira edición e que conta con financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía. Pontenciencia deu os seus primeiros pasos a comezos de ano cuns obradoiros impartidos por profesorado da Universidade, que achegaban a nenos e nenas unha serie de conceptos básicos sobre a investigación científica. A partires de aí, docentes e investigadores das facultades de Fisioterapia, Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes, e da Escola de Enxeñaría Forestal constituíron os comités que elaboraron as propostas temáticas sobre as que se ía guiar o bautismo científico dos máis novos. Desde entón, nenos e nenas traballaron nos seus centros ou coas súas familias en "proxectos de todo tipo”, como explicou o concelleiro de Educación, Agustín Fernández. A erosión do solo, o deseño dunha imprenta caseira, o análise do ciclo de vida das formigas ou un estudo sobre se as plantas lles gusta ou non o wifi foron algúns dos campos abordados nos 28 proxectos que se presentaron a esta iniciativa.

O momento de someterse ao veredicto do xurado

O último acto dun programa que trata de espertar o interese pola ciencia dos máis novos é a Feira de Miniciencia que se desenvolverá os días 6 e 7 na EE Forestal e que Corbacho e Fernández presentaron nesta xornada na Casa das Campás, nun acto no que o vicerreitor do campus incidiu no valor dunha iniciativa que supón “unha grande oportunidade de continuar nunha liña de colaboración entre o Concello e a Universidade”, así como de achegar a institución académica aos que son “a canteira de futuros investigadores”.

A esa “canteira” quédanlle dous días por diante nos que terán que amosar o resultado do seu traballo a un xurado composto por membros das institucións organizadoras e dos comités científicos. Este encargarase de dilucidar que investigacións se levarán os premios aos mellores traballos nas categorías Ciencia no Cole e Ciencia en Familia. Na primeira modalidade, que centrará a xornada do venres, outorgaranse tres premios de 450, 300 e 218 euros aos mellores proxectos dos 20 que presentou o alumnado de sexto de Primaria. Na segunda categoría, dirixida a promover que os nenos e nenas investigasen xunto coas súas familias, un total de 8 traballos optarán a uns galardóns de 325, 225 e 118 euros. En ambos casos, trátase de cheques agasallo para a compra de material escolar ou deportivo no comercio local.

Á presentación destes proxectos sumaranse outra serie de actividades complementarias, como a instalación dunha cúpula astronómica, espectáculos de ciencia e maxia ou a proxección dos vídeos elaborados polo Laboratorio de Ecoloxía e Evolución da Universidade no marco do proxecto Divulgare. Así mesmo, o evento contará tamén coa participación do alumnado do IES Sánchez Cantón e do CIFP A Xunqueira, que presentarán os proxectos que desenvolveron en campos como a mecánica, a óptica ou a prevención de enfermidades infecciosas. Este amplo abano de actividades motivou que Fernández convidase aos veciños e veciñas a achegarse ata o campus para gozar “dunha fin de semana marcada pola ciencia, a investigación e a ilusión”, que agarda sirva tamén para “achegar o mundo universitario á cidadanía e transmitirlle o valor que ten o campus para Pontevedra”.