DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Universidade de Vigo ao abeiro do Campionato de Europa de Triatlón en Pontevedra

Dous estudantes do campus parten como favoritos no Campionato de España Universitario de Triatlón

Estefanía Domínguez e Óscar Vicente forman parte dun equipo de cinco representantes da Universidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 22/06/2011

Faltan dous días para que Pontevedra se converta de novo en punto de interese internacional deportivo coa celebración do Campionato de Europa de Triatlón que inclúe ademais a disputa do Campionato de España Universitario de Triatlón, organizado por primeira vez polo Servizo de Deportes da Universidade de Vigo. Será este venres e na cita reuniranse un total de 43 universidades, contando a institución viguesa con cinco representantes, dos cales, Estefanía Domínguez e Óscar Vicente, estudantes do campus pontevedrés, parten como principais favoritos.

Pola Universidade de Vigo tamén participan na categoría feminina Alba Cuba, Estefanía Sande e Andrea Vázquez e enfrontaranse a triatletas universitarios da altura de Patricia Díaz, da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria; de Tamara Gómez e de Uxío Abuín, ambos da Universidad Complutense de Madrid; de Brais Canosa, da Universidade de A Coruña; de Samer Ali-Saad, da Universidad de Sevilla e de Pedro Miguel Serrano, da Universidad de Córdoba, todos candidatos a alzarse cos primeiros postos. Como aclara Gustavo Loureiro, técnico de Deportes do campus, “trátase dunha oportunidade inmellorable para os universitarios, pois ademais de sentirse motivados pola presenza na cidade dos deportistas de máis alto nivel, tamén poden aprender da proba europea”.

Para a institución viguesa a organización dun evento que congrega arredor de 200 profesionais entre deportistas, adestradores e delegados, supón “un reto e un premio. Un reto por todo o que significa albergar un campionato con este volume de participantes e un premio porque se recoñece o esforzo e o traballo de anos do campus, do Servizo de Deportes e, por extensión, da Universidade neste eido”, explica Loureiro.

Colaboración estreita coa Federación Galega de Triatlón

Aínda que a Universidade de Vigo ten experiencia na organización de campionatos deste nivel, “é a primeira vez que nos atrevemos cun de triatlón, polo que tivemos o asesoramento e a colaboración continua da Federación Galega de Triatlón”, apunta Loureiro. Así, mentres que a Universidade “se ocupa de toda a parte loxística, a federación tomou a palabra no eido máis técnico para que todo saia á perfección”, engade.

O Pavillón de Deportes Universitario estará a disposición dos participantes “para poder mudarse de roupa, ducharse, ou para deixar as súas pertenzas mentres se celebra a competición”. No tocante ao aloxamento, tamén se reservaron habitacións na residencia universitaria de Novacaixagalicia, “facilitándolles prezos bastante económicos”.

Desenvolvemento da proba

A competición desenvolverase no mesmo circuíto deseñado para algunha das probas do Campionato de Europa de Triatlón. O pistoletazo de saída é o venres ás 15.30 horas na ponte dos Tirantes coa proba de natación feminina, seguida da proba masculina ás 16.00 horas. O segmento de natación, de 750 metros de distancia, realizarase nunha soa volta e polo río Lérez. Séguelle a proba de ciclismo que consta dun percorrido total de 20 quilómetros, distribuído en catro voltas de cinco quilómetros cada unha. A última das fases, a carreira a pé, que ten lugar polas rúas do centro histórico, consta de quilómetros de lonxitude que se distribúen en dúas voltas.

Os gañadores coñeceranse a partir das 19.00 horas do venres e procederase á entrega de trofeos no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Hai dúas clasificacións individuais separadas, unha masculina e outra feminina e unha única clasificación por universidades, resultado da suma dos tempos dos dous mellores homes e das dúas mellores mulleres de cada universidade.