DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Confirmouno Alberto Gago segundo se deriva do avanzado polo conselleiro de Educación

Dous novos graos do ámbito das CC.Empresariais impartiranse o curso 2010-2011 nos campus de Vigo e Ourense

O reitor da Universidade de Vigo cre que "o sistema universitario galego está roto"

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/05/2009

Dous novos graos do ámbito das Ciencias Empresariais derivados da transformación das diplomaturas que na actualidade se imparten nos campus de Vigo e Ourense, implantaranse a partir do curso 2010-2011 na Universidade de Vigo. Esta foi a confirmación realizada hoxe polo reitor Alberto Gago despois da reunión que onte celebrou o Consello Galego de Universidades e na que ante a falta de acordo en relación coas titulacións do ámbito das Ciencias Empresariais, o conselleiro acordou remitir o luns ás universidades unha carta coas directrices a implantar. Ademais de que “no caso de Vigo a Xunta aposta por dous novos graos en Ciencias Empresariais froito da transformación da diplomaturas que actualmente se imparten en Vigo e Ourense”, confirmou Gago, a misiva que Jesús Vázquez trasladará o luns ás universidades contempla “ prorrogar as diplomaturas un curso máis” e que a Universidade de A Coruña implante, tamén, o vindeiro curso o grao en Ciencias Empresariais “coa condición de que non poderá modificalo”.
Así, mentres as universidades de Vigo e Santiago comezarán o vindeiro curso o proceso de transformación das diplomaturas para convertelas en graos “con liberdade total para marcar o perfil e polo tanto presentar unha oferta nova”, a Universidade de A Coruña “terá que quedar con Ciencias Empresariais”, sinalou Gago que considera que a universidade herculina “queda limitada a súa estratexia particular, pero leva aparellada a penitencia” que supón ofertar dous títulos sen diferenciar como son os graos en Ciencias Empresarias e en Administración e Dirección de Empresas.
No caso da Universidade de Vigo, o reitor asegura que “se este é o resultado final, non é mal resultado”, ao tempo que valora positivamente que con esta decisión “o conselleiro aposta polo campus de Ourense, cousa que nunca se fixo”.

O sistema universitario “está roto”

En relación coa falta de consenso que nas últimas horas se puxo de manifesto na reunión do Consello Galego de Universidades, o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, foi tallante á hora de afirmar que “o sistema universitario galego creo que está roto”. Tras una reunión na que “non se acadaron resultados finais”, Gago afirmou que “ o meu interese agora está na Universidade de Vigo e non me preocupa máis”.
E é que segundo afirmou Gago “onte quedou claro que cada universidade vai defender os seus intereses e que o conselleiro dixo que exercería con ou sen consenso”. Sen embargo o reitor da Universidade de Vigo afirmou que neste novo escenario “síntome algo liberado porque aos reitores botábasenos enriba a responsabilidade de acadar sempre consensos. Cando isto se rompe, xa non temos esa responsabilidade. Digamos que temos responsabilidade exclusivamente diante das nosas comunidades universitarias”.

Consecuencias do novo escenario académico

En canto aos efectos que o novo panorama académico pode ter no futuro alumnado e na organización do profesorado, Gago asegurou que “nós desexábamos ter unha decisión firme en febreiro ou marzo para poder organizar a oferta académica con tempo”, pero agarda que o retraso non impida que a solución chegue a tempo para que sexa coñecida polos estudantes.
En canto á reorganización do profesorado que supón o novo escenario, o reitor afirmou que “non haberá problema”, mentres que en relación co proceso de elaboración dos novos graos, serán as correspondentes xunta de titulación as que decidirán “que, como e onde. Deberán traballar rápido, pero non é complicado”.
Na súa intervención Gago tamén lembrou que as liñas xerais elaboradas no ano 2007 polo Consello Galego de Universidades para a elaboración dos novos títulos permitían dúas alternativas “facer caso ou rebelarse. E nós puidemos facer como A Coruña e rebelarnos, pero non nos pareceu nada apropiado”.