DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro equipo gañou ao Mareantes RC por 25 a 10

Dous partidos de rugby na casa con bo sabor de boca

As xogadoras perderon contra o Vigo Rugby no seu debut ligueiro como locais

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 18/11/2013
Esta fin de semana os equipos de rugby do campus de Ourense coincidiron xogando na casa. O primeiro equipo gañou ao Mareantes RC por 25 a 10 e as xogadoras perderon contra o Vigo Rugby no seu debut ligueiro como locais, aínda que causaron boa impresión. Foi unha xornada na que o rugby foi o gran protagonista e na que unha vez máis se animou á afección a achegarse ás instalacións universitarias para coñecer este deporte e aos equipos da cidade.

Puntos positivos en rugby

O Campus Ourense Rugby sénior masculino xogou na tarde do sábado contra o Mareantes RC e sumou, por un resultado final de 25-10, a súa segunda vitoria no que vai de tempada. O equipo estivo formado por Dacosta, Sola, Magui, Diegote, Borja, Khalifa, Abraham, Fito, Bochas, Iago, Morgade, Feijoo, Tejeras, Luisete e Jorge, actuanto tamén Gerpe, Guti, Samuel, Emilio, Lavadoira, Meta, Ariel e Cristian. “O 25 a 10 final xa di o que aconteceu. Os xogadores comezan a facer o que lles manda o adestrador, de pase á man e abrir o xogo. De todos os xeitos, haberá que mellorar os tiros a paus, onde o equipo ourensán volveu a fallar ata cinco veces”, explica Javier Conde, técnico do conxunto que dirixe Américo.

Pola súa banda, destaca Ana Vidal, do Campus Ourense Rugby sénior feminino, “as xogadoras abraiaron á afección e ao equipo rival, que chegaba como colider, cun gran partido no seu debut ligueiro como locais”. O equipo ourensán, que perdeu 0-5, estivo formado por Andresa, Tais, Aida, Carlota, Débora, Ana, Eva, Belén, Sofía, Rebeca, Cecilia, Liliana, Gael, Ayelen e Beatriz, entrando tamén Natalia, Nieves e Vega. O máis positivo da xornada, comentan desde o conxunto, foi a boa actitude que demostrou o equipo unha vez máis durante os 80 minutos que durou o encontro. En contraposición, a nota negativa foi a lesión de Carlota Vázquez, que se viu obrigada a abandonar o campo na primeira parte por rotura de peroné na súa perna dereita. Foi, indica Vidal, un partido moi igualado, lixeiramente dominado polas foráneas pero no que as locais volveron mostrarse moi seguras en defensa, con grandes placaxes e boa presión.

Punto negativo en balocesto

Polo que respecta ao baloncesto, esta fin de semana só disputou partido de competición o Universitario Campus de Ourense sénior masculino, que se enfrontou ao Basquet Coruña. Os ourensáns perderon por un marcador final de 81-45 puntos, un resultado que os sitúa oitavos na táboa, con unha vitoria e catro derrotas na primeira división masculina. Pola súa banda, as xogadoras de baloncesto retomarán a competición oficial o día 24, cando se enfrontarán ao Arxil Mafari Café no que será o inicio da liga regular da primeira división autonómica feminina.