DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Miguel Ángel Mirás e Estela Sánchez publicaron unha obra sobre o tema

Dous profesores vigueses crean o primeiro paquete informático dedicado exclusivamente á teoría de xogos

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 04/02/2009

Ante o reto que supuña impartir un curso introdutorio sobre os xogos corporativos debido á cantidade de exemplos, debuxos, diagramas, táboas e gráficos necesarios para aclarar os seus conceptos básicos, os profesores Miguel Ángel Mirás Calvo e Estela Sánchez Rodríguez elaboraron a primeira libraría informática dedicada exclusivamente a esta teoría. Esta ferramenta, coa que se pode ir ao corazón dos conceptos sen preocuparse pola complexidade dos cálculos matemáticos, ven a complementar as reflexións realizadas polos seus autores tras impartir varios cursos de doutoramento e que agora se reflicten no libro Juegos cooperativos con utlidad transferible usando MATLAB: TUGlab.
A combinación da parte teórica coa práctica converte esta monografía, editada polo Servizo de Publicacións da Universidade, nun excelente instrumento para ser empregado como manual de referencia nalgunhas áreas de investigación, ademais de ser a ferramenta ideal para calquera curso introdutorio de teoría de xogos corporativos.

Unha teoría con múltiples aplicacións

A competencia entre liñas aéreas, as operacións realizadas cara un negocio de éxito, as coalicións políticas ou as fusións empresariais son exemplos de situacións da vida cotián que poden recrearse facilmente como o escenario dun xogo. É por isto que xurde, xa dende principios do século pasado, a teoría de xogos co obxectivo de analizar todas aquelas situacións nas que existe un conflito entre diversos axentes ou xogadores.
A finalidade desta teoría consiste en investigar o xeito en que os individuos racionais deberían de comportarse cando os seus intereses se contrapoñen e é esta mestura entre intereses enfrontados e obxectivos comúns o que fai da teoría de xogos un mecanismo fascinante para estudar as relacións humanas. Así, dende unha perspectiva matemática, os investigadores estudan as estratexias óptimas e o comportamento previsto e observado dos individuos nos xogos, tanto nos recreativos como o xadrez ou o parchís coma noutros escenarios onde o conflito é entre empresas, forzas militares ou nacións. Neste senso, o libro Juegos cooperativos con utilidad transferible usando MATLAB: TUGlab céntrase nunha perspectiva desta teoría que engloba aquelas situacións nas que os participantes non compiten senón que se esforzan por acadar o mesmo obxectivo e, polo tanto, gañan ou perden como grupo. Neste caso o xogo consiste nunha toma de decisións acordadas onde o sentido da palabra xogo vai máis alá do recreativo.
Aínda que a utilización da teoría de xogos cobra a maior importancia na organización industrial e na microeconomía, as súas posibles aplicacións continúan medrando co tempo e abarcan hoxe case todo os eidos da vida. Así, os politólogos emprégana para analizar as institucións e os resultados electorais, os filósofos para estudar as normas de conduta e os biólogos para analizar as relacións entre as diversas especies da natureza.

Un paquete informático innovador

Baixo a forma dunha toolbox do programa matemático Matlab, TUGlab é un módulo que estende as ordes básicas do programa para incluír os conceptos da teoría de xogos de utilidade transferible e constitúe o primeiro paquete informático dedicado exclusivamente ao seu ensino. O obxectivo desta ferramenta é resaltar os aspectos xeométricos desta teoría polo que dispón dunha serie de instrumentos para calcular, ver e experimentar de primeira man os seus conceptos básicos. É unha libraría moi doada de empregar polo que non se precisan coñecementos previos de Matlab para empezar a experimentar.
Esta ferramenta tivo unha moi boa acollida na sección de software matemático del International Congress of Mathematicians ICM06 celebrado en Madrid así como na presentación anterior dunha versión preliminar do programa no I Congresso de Estatística e Investigação Operacional da Galiza e Norte de Portugal e VII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións celebrado en Guimarães.