DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No campionato internacional “Galicia Chess Festival” que se disputou esta fin de semana

Dous xogadores do equipo de xadrez da Universidade, entre os 16 mellores do mundo

Manuel Pena e Rafael Rodríguez son xunto a Iván Salgado os únicos galegos da clasificación

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 28/09/2009

O xadrez marcou a axenda deportiva desta fin de semana den Ourense, xa que os mellores xogadores nacionais e internacionais desta disciplina concentráronse na cidade para disputar o “Galicia Chess Festival 09”. A celebración deste evento foi de gran relevancia para este deporte, “amosa o apoio das institucións galegas ao xadrez”, comenta Pablo García Castro, un dos organizadores do torneo e capitán do equipo da Universidade de Vigo. O acto de clausura do festival contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou “a importancia do xadrez como un deporte onde a capacidade de decidir en poucos instantes é imprescindible". Ademais, Núñez Feijóo comentou que mellorará a aposta por este deporte, “introducíndoo no sistema educativo e no ámbito da saúde, no traballo cos maiores para exercitar a memoria e nos casos con Alzheimer”. Neste sentido, “ademais da importancia deportiva, ábrense dous campos novos nos que xa estaba traballando a Universidade”.
Este festival non só foi o evento máis importante que se fixo na historia de Galicia, “senón un dos máis relevantes do mundo respecto ao montante dos premios nesta categoría de xadrez lóstrego”.
O torneo Aberto Internacional de Rápidas Memorial Fernando Marcote foi a competición central, disputándose dende o venres e ata o sábado. O peruano Julio Granda alzouse coa vitoria deste torneo nos play off do domingo, tras enfrontarse na final contra o bielorruso Aleksej Aleksandrov. Destaca nesta competición a presenza dos galegos Iván Salgado, único Gran Mestre de Galicia e número dous a nivel nacional, e Manuel Pena e Rafael Rodríguez, pertencentes ao equipo de xadrez da Universidade de Vigo. Ambos os tres conseguiron chegar ata oitavos, quedando finalmente nos postos 12, 14 e 15 respectivamente. Nunha destas roldas clasificatorias, o propio Pena tivo que enfrontarse con Salgado, nunha partida na que Núñez Feijóo realizou o saque de honra que deu comezo ao xogo. Castro comenta orgulloso o bo papel dos xogadores da Universidade, “ambos tiveron unha actuación moi destacada, os dous foron quen de vencer a Granda e clasificáronse para os play off, dos que moitos mestres quedaron fóra e iso é algo, por si só, extraordinario”.
No tocante á participación feminina, destaca o triunfo de Graciela Redondo, vencedora nesta categoría do Aberto Internacional de Rápidas Memorial Fernando Marcote, tras impoñerse por riba de Elena Sedina e Claudia Robles, acadando así o primeiro premio dotado con 3000 euros.

Aberto Internacional de Blitz

A outra competición do fin de semana, que se disputou no medio do Memorial Fernando Marcote, foi o Aberto Internacional de Blitz Xacobeo 2010, no cal Vugar Gashimov, o número 14 do mundo, fíxose co triunfo con 9,5 puntos tras ceder táboas na décima e última rolda sabéndose xa gañador. Yuri Drozdovskij e Loek Van Wely completan o podio con 7,5 puntos, empatados con outros sete xogadores, entre eles o primeiro galego, Daniel Táboas, oitavo clasificado. Neste torneo de xadrez lóstrego destacou tamén á participación de Javier Marcote, director de la Escuela Internacional Kasparov-Marcote e fillo de Fernando Marcote.
No tocante á participación feminina, o triunfo foi para a italiana Elena Sedina con 6,5 puntos, seguida de Claudia Robles e Karen Zapata.