DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu estudo da tropopausa figura na sección de novas carreiras da prestixiosa revista

O doutor en Física Juan Antonio Añel, amósase afagado polo recoñecemento en "Science" do seu labor investigador

Actualmente traballa en Portugal pero gustaríalle regresar á Facultade de Ciencias

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noelia V. Vilanova DUVI 06/02/2009
"Afagado e orgulloso". Así asegura sentirse o doutor en Física ourensán, Juan Antonio Añel, despois de se converter con tan só 30 anos nun dos protagonistas da sección de novas carreiras da prestixiosa revista Science, da Sociedade Americana para o Avance das Ciencias. O traballo de investigación desenvolvido polo integrante do grupo de investigación de Física da Atmosfera e do Océano da Facultade de Ciencias de Ourense sobre o mundo atmosférico, cruzou o charco para se converter en protagonista dun artigo titulado Os pés sobre a terra e cabeza no ceo e nun exemplo de carreira científica que supera con moito os logros habituais para a súa idade. Un recoñecemento que segundo Juan Antonio Añel "significa que estou facendo ben as cousas”.
O artigo publicado en Science, que fai referencia ao seu traballo co mundo atmosférico, amosa a súa traxectoria profesional, un perfil investigador destacable que posúe o recoñecemento de 25 becas de distintos organismos, o Premio Gulbenkian de Estimulo da Investigaçao (2008) e o Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade de Vigo (2008). Sen embargo Añel non sempre tivo claro a que se quería dedicar, aínda que si da súa paixón polas matemáticas. “Na universidade intereseime nun primeiro momento pola física computacional, pero ao traballar no grupo de investigación que dirixe Gimeno quedei prendido”. Dende entón o seu é o mundo atmosférico, “máis a parte de climatoloxía que de meteoroloxía, pero sempre dende o punto de vista da investigación”.

Un traballo de altura

No pasado mes de xaneiro, Añel acadou un dos contratos de investigación Ángeles Alvariño que concede a Xunta de Galicia grazas ao cal “continúo o traballo que comezara na miña tese doutoral”. As súas investigacións céntranse no estudo da tropopausa, unha capa atmosférica que se atopa a uns 14 quilómetros de altura sobre o chan e que marca o límite no que se producen os fenómenos meteorológicos máis comúns que nos afectan. Añel trata de “afondar no coñecemento de esta capa, moi pouco coñecida, xa que o seu estudo permitirá introducila nos modelos climáticos para que funcionen con mais realismo e sexa máis precisos”. Ata maio, Añel estará inmerso no traballo sobre a tropopausa en Portugal, pero de xuño a decembro emigrará momentaneamente aos Estados Unidos para proseguir alí co seu labor.

Retorno á Facultade de Ciencias

Actualmente atópase vivindo en Portugal, onde traballa no Centro de Estudos Ambientais y Mariños (CESAM) da Universidade de Aveiro baixo a orientación de José Castanheira. Ao mesmo tempo non se desliga da súa terra, formando parte do Grupo de Investigación en Física da Atmosfera e do Océano, dirixido polo doutor Luis Gimeno Presa.
Botando unha ollada cara ao futuro Añel, que se describe a si mesmo como unha persoa moi tranquila, “desexaría traballar na Facultade de Ciencias de Ourense e continuar aí cos meus estudos”. O principal para un investigar é ter tempo e tranquilidade “e no campus podo obter ambas cousas”. Añel conta cunha ampla produción científica com máis de unha decena de artigos publicados en diferentes revistas e varias colaboración en libros. Pero a súa labor no remata aquí senón que tamén ten tempo para revisar a publicación de distintas revistas científicas internacionais e ser o editor en xefe da AGU Atmospheric Sciences Section Newsletter.