DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O doutor Honoris Causa Francisco Ayala volve á Universidade para ofrecer un relatorio sobre a evolución

Este xoves ás 12.15 h no Edificio de Ciencias Experimentais

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 26/03/2008

O científico Francisco Ayala volve este xoves á Universidade de Vigo para impartir unha conferencia, doce anos despois de que fose nomeado doutor Honoris Causa pola institución polos seus logros no estudo da evolución. Reputado investigador e un dos evolucionistas de máis renome mundial, Ayala impartirá un relatorio baixo o título Diseño sin diseñador: el descubrimiento más importante de Darwin. Esta conferencia, que terá lugar no Edificio de Ciencias Experimentais ás 12.15 h, coincide co debate que existe na actualidade entre a evolución e o creacionismo, e ante o que esta charla pretende ofrecer un pouco de luz científica.
Catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía da Evolución da Universidade de California, Ayala comezou o seu traballo nos Estados Unidos en 1961, data na que iniciou os seus estudos de doutoramento na Universidade de Columbia. Nado en Madrid en 1934, é autor de preto de 1000 artigos científicos e foi presidente da Asociación Americana para o Avance da Ciencia, editora da revista Science. Na súa traxectoria destacan importantes contribucións científicas nos campos de xenética de poboacións e da evolución biolóxica, así como o estudo dos organismos causantes de diferentes enfermidades.
Na actualidade, Francisco Ayala estuda a estrutura poboacional e a evolución dun protozoo implicado nas enfermidades da Malaria e Changas, pero ten unha ampla experiencia en bioloxía da evolución con vitais contribucións no que el denomina “o reloxo molecular da evolución”, investigando sobre un número importante de xenes que poden ser usados para a reconstrución da historia evolutiva. O profesor Ayala é tamén un salientable experto en filosofía da bioloxía e bioética, campo no que ten escrito importantes reflexións sobre ciencia e relixión, facendo fincapé no estudo da evolución nas escolas.

Unha traxectoria amplamente galardoada

Francisco Ayala foi investido como doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo en 1996, distinción que tamén lle foi outorgada por outras dez universidades de seis países distintos. Entre os galardóns dos que é merecedor, no seu currículo destaca a Medalla Nacional de Ciencia do Goberno Americano en 2001 ou a Medalla de Ouro Honorífica Grebor Mendel. Ademais, é membro destacado das principais academias de ciencias do mundo, como é o caso da americana, da rusa, da italiana, da española ou da mexicana.
Esta conferencia terá lugar ao abeiro do convenio que a Universidade de Vigo ten coa Aula Castelao de Filosofía, grazas ao cal varios dos invitados á Semana Galega da Filosofía ofrecen relatorios para a comunidade universitaria, como é o caso de Francisco Ayala.