DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antonia Blanco e Rafael Louzán asisten a súa toma de posesión na Deputación Provincial

O doutor Miguel Ángel Piñón, novo director da EU de Enfermaría

Traballará na consolidación do novo grao e na incorporación da escola á rede de centros da Universid

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 25/10/2010
O profesor e doutor Miguel Ángel Piñón Cimadevila é dende este luns o novo director da EU de Enfermaría de Pontevedra, substituíndo no cargo a Luis Vázquez Rey, que exerceu como director do centro os últimos 18 anos. Na súa toma de posesión, á que asistiu o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, e a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, o novo director manifestou o seu compromiso cun centro ao que se incorpora “con vocación e ilusión” e disposto a traballar “man a man” coa Universidade pola futura integración da escola na súa rede de facultades.

Entre os principais retos aos que se enfrontará no seu novo cargo, Piñón Cimadevila destacou, ademais da posible integración na Universidade de Vigo, a necesidade de pór en funcionamento o novo grao, que acaba de implantarse, un aspecto no que coincidiu coa vicerreitora do campus, quen, ademais de agradecer o papel do anterior director e felicitar ao novo, fixo fincapé na necesidade de seguir traballando na implantación duns estudos “que teñen un claro oco no sistema universitario galego” e que “Pontevedra merece”. Ademais de agradecer o papel de José Mª Gil Villanueva, delegado da Universidade na escola, Blanco subliñoulle ao novo director que “a partir de xa” a Universidade ponse a disposición da escola para o que poida precisar.

Nesta liña Rafael Louzán lembrou que a Deputación apoiou a escola dende que se fundou, “alá por 1974 e, dende entón, asumimos esta bonita responsabilidade”, se ben admitiu o seu desexou de que a participación da Universidade se incremente, “xa que estou seguro que así contribuiremos a lograr unha sociedade cada vez mellor”.

"Traspase de cartafol"

Un libro e un cartafol da Universidade de Vigo, foron os dous presentes que elixiu o profesor José Luis Vázquez para facerlle ao seu sucesor no cargo, o doutor Piñón Cimadevila. Nunha sentida intervención na que fixo repaso dos principais fitos que marcaron a historia da escola, Vázquez entregoulle ambos regalos cos seus mellores desexos. O máis significativo foi o cartafol “que eu empreguei en numerosas ocasións, ofrézocho baleiro, para que sexas ti o que agora te encargues de enchelo”, subliñoulle, tras admitir que con 75 anos “debe ser outra persoa a que se encargue do destino da escola e do novo grao”.

O paso polo antigo Fogar Provincial, hoxe 6º Edificio do Museo de Pontevedra, e o regreso ao Hospital Provincial, onde iniciara o seu camiño foron algunhas das lembranzas as que fixo referencia Vázquez, quen admitiu que coa implantación dos novos graos “de novo estas instalación volven quedar escasas”.

Piñón Cimadevila

Piñón Cimadevila foi un dos impulsores da Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación do CHOP, ademais de levar a cabo a súa actividade profesional vinculado ao Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestivo do citado centro sanitario, no que exerceu como xefe desta unidade. Agora, este novo cargo será, en verbas do presidente da Deputación, “o broche a unha extraordinaria carreira como profesional da Medicina en Pontevedra”.

Á súa toma de posesión, que tivo lugar na sala de xuntas da Deputación Provincial, asistiron tamén o xerente do CHOP, José Manuel González, e o seu homólogo do Hospital do Salnés, Bibiano Fernández -Arruti, así como o deputado delegado de Deportes, José Enrique Sotelo, entre outros convidados.