DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia ao abeiro da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio

O doutor Pérez Mercader achega as claves da presenza de vida no resto do universo

É profesor da Universidade de Harvard e impulsor do Centro de Astrobioloxía asociado á NASA

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 21/04/2010

Como asegurar o futuro da especie humana? Como xestionar o antinomio sostibilidade-sociedade? Como xestionar a incerteza sobre a vida no planeta e no universo? A resposta a estas preguntas está na ciencia, segundo intentou transmitir onte Juan Pérez Mercader, doutor en Ciencias Físicas pola Universidade de Nova York e profesor na Universidade de Harvard no Departamento de Ciencias da Terra e Planetarias, nunha conferencia ao abeiro da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, titulada A evolución do universo, do Big-Bang ao orixe e o futuro da vida.
Impulsor do Centro de Astrobioloxía de España asociado á NASA, Pérez Mercader considera que a maneira de predicir o futuro a medio e curto prazo da vida no planeta é afondando no estudo sobre a formación do universo e a súa evolución. A partir de aí, explicoulles aos asistentes a teoría do Big-bang e achegou algunhas claves das liñas de investigación actuais sobre a existencia materiais orgánicos no espazo interestelar.
Encargouse de presentar ao relator o director da cátedra, José Gabriel Martínez Ratero, quen destacou o seu afán polo estudo da cosmogonía “dende a maior á menor escala”. Estiveron tamén presentes no acto en representación das institucións parceiras da cátedra Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, Marcial Gamboa, director da Escola Naval Militar, e Antonio Gómez, director xeral de Caixanova.

O horizonte cósmico coñecido

O profesor Pérez Mercader proxectou unha animación para explicar a amplitude do horizonte cósmico coñecido, no que a Vía Láctea só é un punto dentro da estimación de galaxias existentes, cun cálculo de 10.000 millóns. Destacou tamén que isto é o resultado dunha historia evolutiva de 15.300 millóns de anos e que está suficientemente probado que o universo se expande. Nesta inmensidade apuntou que “foi a partir do ano 1995 cando se constatou a existencia doutros sistemas planetarios”, achegando así máis argumentos á hipótese sobre a posibilidade de vida no resto do universo. A isto engadiu que, só na Vía Láctea, 4.000 millóns de estrelas teñen as mesmas características que o Sol.
Completan estas investigacións os achados recentes sobre a presenza de auga e materiais orgánicos no espazo interestelar, entre os que Juan Pérez salientou os realizados hai tan só un mes na nebulosa Orion polo observatorio espacial Herschel. “Isto quere dicir que no espazo interestelar hai os aminoácidos principais que compoñen o noso pelo e a nosa pel”, afirmou.
Deseguido, revisou a evolución da formación do sistema solar e, en particular, da formación de vida na Terra, na que destacou momentos claves, como o que hai 500 millóns de anos fixo que a vida saíse dos océanos aumentando a diversidade de especies ou as teorías sobre os diferentes impactos de meteoritos que remataron con especies como os dinosaurios. Neste sentido, sinalou que “a vida está ligada á evolución física do planeta” e que “os seres vivos inflúen directamente nesa evolución”. Citou como exemplo a entrada en erupción do volcán islandés Eyjafjallajökull, que, na súa opinión, “non é máis que un indicativo de que en Islandia se está orixinando un novo continente que estará formado en 50 millóns de anos”.