DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro internacional que reuniu representantes de universidades de dez países

O doutoramento do Campus Crea proxéctase en América Latina 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Pontevedra 04/12/2023

Promovido pola Organización Internacional para la Inclusión y la Calidad Educativa (OIICE), a Universidad Católica del Norte, de Antofagasta (Chile) acollía nos últimos días o sétimo Congreso Internacional de Líderes de la Educación, que reuniu preto de 300 representantes de universidades de dez países de América Latina. Neste foro educativo, que se desenvolvía por primeira vez en Chile, participaron a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e a directora de Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, que foron convidadas a afondar neste evento internacional nas características do doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible, impulsado ao abeiro do Campus Crea, así como na aposta da UVigo pola formación permanente ao longo da vida. 

Como un escenario “moi interesante” para dar a coñecer este programa de doutoramento definía Fernández Souto un congreso ao que asistían “cargos de xestión de distintas universidades de América Latina” e no que a participación das representantes da UVigo insírese nas accións dirixidas a divulgar este doutoramento no marco dun convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra. Pola singularidade dun programa que busca promover investigacións de carácter interdisciplinar, conectadas coas diferentes liñas do Campus Crea, e polo feito de que a súa formación impártese de xeito virtual, trátase “dun doutoramento que pode ter e que a está tendo unha moi boa acollida en América Latina”, salienta Fernández Souto que incide en que o “carácter transversal” deste programa faino tamén interesante para investigadores e investigadoras “de distintos ámbitos de coñecemento”. Así mesmo, o feito de que este encontro internacional tivese como eixe temático “a educación universal e inclusiva” motivou que servise tamén para dar a coñecer as diferentes iniciativas impulsadas pola UVigo, a través da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP), para fomentar “a formación ao longo da vida”. Neste punto, Fernández Souto puxo tamén o foco, nunha das conferencias incluídas no programa, en que unha das “ferramentas interxeracionais para combater o idadismo”, eixe da cátedra que a Universidade promove xunto con Afaga e Atendo, é precisamente “a educación ao longo da vida”.