DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mihai Iacob, profesor da Universidade de Bucarest:

“Drácula está condenado a un anagrama concreto, non pode optar a outro nome”

Pronunciou unha conferencia na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 06/05/2008

“A esencia do mito vampiresco aséntase nunha serie de tópicos e estereotipos que percorren distintas épocas sen sufrir transformacións importantes. Deste xeito, Drácula está condenado a un paradigma e un anagrama concreto e non pode optar a outro nome”. Con estas palabras resumiu Mihai Iacob, profesor da Universidade de Bucarest, a base do personaxe transilvano, que, curiosamente, “naceu na cultura occidental para chegar de rebote á romanesa”, tal como recoñeceu Iacob no transcurso da conferencia pronunciada na Facultade de Filoloxía e Tradución.
Durante o relatorio, organizado polo Grupo de Tradución e Paratradución, o profesor apelou á necesidade de representar temores e desexos reprimidos, como pode ser a inmigración e a liberdade sexual, para explicar a formación do mito do Conde Drácula. Sobre esta base operáronse, ao longo da historia, transformacións debidas a cambios de ideoloxía e a intencións comunicativas circunstanciais, pero, en xeral, “estas modificacións son leves. O paradigma empírico creado ten un escaso marxe de cambio e cada vez que a orixinalidade do autor supera os límites, os seus inventos vense corrixidos de forma ditatorial polo propio mito”, segundo palabras do propio Mihai Iacob.
Outra das motivacións que determinan a evolución da figura de Drácula serían as esixencias do mercado cultural, xa que o Conde é protagonista dunha narración popular, polo que ten que manter un balance entre a confirmación dos tópicos e a novidade. Do mesmo xeito, os cambios inherentes ao seu traslado dun modelo semiótico, cultural ou lingüístico a outro resultan decisivas na transformación deste modelo mitolóxico.

A imaxe de Drácula

Dende o primeiro momento, Drácula tivo unha imaxe incerta, só recreada por varios informadores, que non son de todo fiables. Así, a primeira novela sobre este personaxe, escrita por Bram Stoker, pode definirse como “un dossier con artículos de xornais, cartas e telegramas, facendo que a figura do vampiro nos chegue filtrada”, tal como apunta Iacob.