DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A compañía salvadoreña La Cocina Teatro representou na Miteu "El secreto más terrible"

O drama do rapto de nenos na ditadura arxentina, a escena

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/04/2010
Dentro da xira que estes días están a realizar por diversas cidades de España, o grupo salvadoreño La Cocina Teatro, recalou esta tarde no Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria para amosarlle ao público da Miteu, El secreto más terrible. Versión autónoma da obra Potestad do dramaturgo arxentino Eduardo Pavlovsky, o monólogo interpretado polo director do grupo René Lovo, aborda nas súas propias palabras “un feito político, social e profundamente humano nun país que viviu, nalgún tempo do seu pasado, a persecución e as desaparicións de persoas por razóns políticas”.
Na súa obra Potestad que se converteu nun clásico da escena arxentina, Pavlovsky trata unha das derivadas máis terribles da ditadura militar arxentina: a problemática do rapto de nenos a través dun plan sistemático, organizado pola forzas armadas arxentinas. Na versión autónoma que La Cocina Teatro realizou e bautizou como El secreto más terrible, o personaxe que interpreta Lovo fai reconto dos detalles ocorridos na tarde na que dous suxeitos chegaron a súa casa e raptaron a súa única filla. A partir dunha narrativa fragmentada e labiríntica o personaxe introduce ao espectador no seu pasado máis remoto, onde xunto a súa muller protagonizou unha historia que non escapa á realidade política que marcou as súas vidas para sempre.

Na procura de novas linguaxes

Dedicados á investigación e creación teatral os integrantes de La Cocina Teatro centran a súa atención na autonomía da linguaxe do actor. Co obxectivo de atopar linguaxes teatrais e crear obras de carácter máis auténtico, vinculadas ao contexto e a cultura do seu país, o grupo salvadoreño, nado no ano 2006, concibe o teatro como un territorio autónomo, de exploración formal que cuestione a realidade.

Odiseas, eclipses e cucuruchos a vindeira semana

Coa representación deste xoves a Miteu pechou a súa primeira entrega no campus de Vigo onde as representacións continuarán o vindeiro luns, martes e mércores. O grupo Maricastaña da Aula de Teatro Universitario do campus de Ourense será o primeiro en subir ao escenario para representar Odisea espacial escrita a partir dunha obra de Arthur C. Clarke. O martes será a quenda para a Aula de Teatro do campus de Pontevedra coa obra Eclipses. O mércores a 12ª edición viguesa a Miteu chega ao seu fin co espectáculo do cantautor hondureño Mario de Mezapa, De sucias, cadejos y cucuruchos.