DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dúas alumnas de Esdemga participan nunha das citas máis frescas da moda, o South 36.32N de Cádiz

Victoria Monasterio amosa a súa colección esta tarde e Esther Lebrato farao maña

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 17/06/2010

Esther Lebrato e Victoria Monasterio, dúas tituladas da terceira promoción de Esdemga, que tiveron a súa estrea na pasarela Debut’09, foron seleccionadas para mostrar a súas propostas no South 36.32N New Fashion Latitude de Cádiz, un dos eventos máis frescos, desenfadados e estimulantes do mundo da moda independente a nivel estatal. Dedicado á creación de vangarda, este espazo acolle desde onte e ata o próximo sábado conferencias, showrooms, exposicións e desfiles, cunha pasarela que se anuncia como “motor estético do certame onde case unha vintena de deseñadores nacionais e internacionais, novas promesas e creadores consagrados, adscritos ao luxo e ó underground, debuxarán o retrato máis exacto da moda independente actual”.
Dende a dirección da escola amosaban a súa satisfacción con este novo logro dos seus estudantes. “Novamente temos motivos para celebrar os éxitos dos nosos titulados, froito da formación dunha canteira de creadores novos de moda que despuntan dentro e fora das nosas fronteiras”, sinalan.

Veludos para Marlene Dietrich

Victoria Monasterio será a primeira en presentar a súa colección, esta tarde ás 19.15 horas. A súa colección está centrada na figura de Marlene Dietrich, que ela define como “unha silueta densa e afumada”. Constrúe pezas para muller inspiradas na diva berlinesa utilizando tecidos de xastrería, veludos, metal lacado e estampados téxtiles e bordados con cristal swarovski e checo. “Fago fincapé en conceptos como a ambigüidade, a androxinia e o robusto fronte ao sutil, o masculino e o feminino”, explica na web do South 36.32N.

Un coleccionista excéntrico

Mañá á mesma hora será a quenda de Esther Lebrato, cun proxecto que retrata a figura do coleccionista, “un personaxe excéntrico, maníaco, megalómano e avaricioso”. No seu caso fai unha proposta para home tomando referencias literarias e cinematográficas. “A fascinación do coleccionista consiste en pechar o obxecto individual nun círculo máxico”, recolle do libro La vida instrucciones de uso de George Perec. “O coleccionista é un mestre da paciencia, pero hai unha estreita liña que separa ao coleccionista do trapeiro, unha ciclotimia que vai desde o exquisito ao lixo”, toma do documental Los espigadores y la espigadora.
A súa intervención nun evento de alto nivel súmase á doutras compañeiras de promoción, como é o caso de Isabel Mastache, que participou no Festival de Hyeres e en El Ego de Cibeles, e Carmen Mogo e Eva Soto, que estiveron na Pasarela Moda Abierta de Murcia.