DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concurso do Consello Asesor da CRTVG e de RTVE-G

Dúas alumnas de Publicidade e Relacións Públicas gañan un premio de promoción do uso do galego

Aida Pérez e Laura López recibiron este xoves o galardón

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 24/10/2008

Unha idea simple, pero impactante e moi descritiva, fixo que Aida Pérez e Laura López, ex alumnas de Publicidade e Relacións Públicas, conseguisen o premio do IV Concurso de Autopromoción de Publicidade en Galego, convocado polo consello asesor da CRTVG e da RTVE-G, coa colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta. As ex alumnas, que finalizaron o cuarto curso da licenciatura en xuño, presentaron tres imaxes baixo o mesmo slogan: Saborea a túa lingua. Un neno mamando do peito de súa nai, un rapaz amosando un piercing na súa lingua e unha nena saboreando un xeado foron as ideas que crearon a través da fotografía. Segundo conta Laura, “a idea era que o galego é tan bonito que falalo chega a ser un placer físico que se pode gozar no padal”. As representacións, en branco e negro, conta cunha nota de cor azul como símbolo de Galicia. As dúas alumnas coinciden en sinalar que a que máis lles gustaba era a da nai co cativo “porque tamén dá idea do importante que son as cousas que adquires de pequeno, a idea da lingua materna”.
Aída e Laura recibiron o seu galardón nun acto celebrado nas últimas horas no salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O decano e o vicedecano de alumnos da facultade, Alberto Pena e Juan Corbacho, actuaron de anfitrións dos premios que entregou o presidente do Consello Asesor da CRTVG e de RTVE-G, José Luís García Casasnovas. Tamén acudiron o director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta, Manuel José Fernández Iglesias; o vicepresidente do Consello Asesor, Juan José Quintáns Paredes; a presidenta do Consello de Administración da CRTVG, Ana Peón; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Primeiro recoñecemento para os estudantes de Publicidade

O premio outorgado a estas alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación é o primeiro que reciben estudantes da Licenciatura de Publicidade e Relacións Públicas da Universidade de Vigo. Laura recorda que algúns representantes do Consello Asesor “foron persoalmente á facultade para animarnos a participar no concurso”. Non era boa época porque o proxecto foi presentado en maio, “e estábamos moi ocupadas: había que entregar traballos, os exames estaban moi preto… pero decidimos quedarnos unha noite ata as catro da mañá traballando”, apunta Aida. Seguramente, este premio servirá para animar a que na próxima edición do concurso haxa máis alumnos que presenten as súas propostas.

XV edición dos Premios de Publicidade en Galego

No mesmo acto fíxose entrega dos Premios de Publicidade en Galego aos traballos gañadores nas tres modalidades convocadas: Internet, radio e televisión. Na modalidade de Internet, o traballo galardoado foi a campaña Riscos Laborais: Movemento contra a lei de Murphy, elaborada e presentada por La Nuestra Comunicación Publicitaria. No campo da radio, o premio recaeu na campaña Aposta pola reciclaxe, elaborada polo Grupo Radio Vigo para a Concellería de Limpeza e Xardíns do Concello de Vigo; e no ámbito da televisión, o traballo gañador foi para o anuncio Seat León FR1 Quen posúe a quen, elaborada pola axencia Atlético Internacional.