DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de carteis, difúndense un abano de “boas prácticas” en materia enerxética

Dúas campañas poñen o foco no aforro enerxético e nos efectos do tabaquismo

Promovidas pola Vicerreitoría do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 22/02/2022

Co propósito de contribuír á educación ambiental da comunidade universitaria e no marco das accións do programa Green Campus, a Vicerreitoría desenvolve unha campaña informativa centrada nunha serie de medidas de carácter cotiá que poden contribuír ao aforro enerxético. “Trátase dun pequeno catálogo de medidas de aforro enerxético, cousas moi sinxelas pero que tratan de dar ideas á xente para que tome medidas coas que aforren enerxía”, salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, dunha acción que levan a cabo a través tanto da colocación de carteis nos diferentes centros como das redes sociais. A través destas mesmas canles, a Vicerreitoría impulsou novamente nos últimos días unha campaña informativa dirixida a concienciar á comunidade universitaria dos efectos do tabaquismo na saúde.

Preto de 40 recomendacións, referidas tanto a electricidade, iluminación, climatización ou mobilidade, como á realización de compras, a alimentación ou a xeración de residuos, reúnense neste catálogo de “boas prácticas”, que presenta unha serie de “pequenas accións, ás veces moi simples e que custan pouco esforzo”, salienta Souto. Desde o consumo de produtos locais e ecolóxicos, ata o uso de envases reciclables, pasando por situar paneis metálicos detrás dos radiadores, desconectar o ferro de pasar pouco antes de rematar ou dixitalizar os documentos e arquivalos de xeito electrónico forman parte nese senso das medidas recollidas nesta campaña, que o Green Campus leva a cabo por primeira vez.

Os efectos do tabaco na saúde e nos ecosistemas

Por outra banda, nestas semanas a Vicerreitoría promove de novo unha campaña que impulsou por primeira vez a finais de 2020 e que ten como obxectivo concienciar á comunidade universitaria dos efectos do tabaquismo na saúde. Promovida xunto coa Oficina de Medio Ambiente da Universidade, trátase dunha iniciativa que pon o foco tanto nas enfermidades directamente relacionadas co consumo de tabaco, cuxo tratamento custa 7695 millóns de euros anualmente ao sistema sanitario, como dos efectos que ten nos ecosistemas a produción de tabaco, que provoca cada ano a corta de 200.000 hectáreas de bosque e selva, como recollen os diferentes carteis. “É importante insistir neste tipo de campañas, porque son boas para concienciar”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que incide en que este tipo de iniciativas insírense tamén no obxectivo de “promover hábitos de vida saudables entre a comunidade universitaria” do programa Green Campus.

A pegada de carbono dixital

Tamén no marco deste programa internacional polo que o campus de Pontevedra foi recoñecido coa bandeira verde que outorga a Foundation for Environmental Education (FEE), nestas semanas comezou a desenvolverse unha iniciativa dirixida a dar achegar o alumnado ao "concepto de pegada de carbono dixital”, como explica Souto. Co obxectivo de pór de relevo como “o consumo de internet e tecnoloxía dixital cada vez consume unha porcentaxe máis importante dos recursos eléctricos”, estase a levar a cabo unha enquisa entre o alumnado do campus, coa que buscan que este “poida ter un coñecemento máis profundo deste tema” e tomar conciencia de que “as famosas nubes son realmente megaordenadores que consumen moita enerxía”. Segundo explicou Souto, prevese que os resultados desta enquisa se recollan nun informe que dea pé á súa vez á organización dun “pequeno coloquio”.