DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Encabezadas polos docentes Ana Bernabeu e Miguel Ángel Nombela

Dúas candidaturas para o decanato de Ciencias do Mar

As eleccións celebraranse en Xunta de Facultade Extraordinaria o vindeiro martes 17

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/07/2018

A falta da proclamación definitiva de candidatos, que non se producirá ata o vindeiro luns, os docentes do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio Ana Bernabeu e Miguel Ángel Nombela Castaño foron proclamados candidatos a decana/o da Facultade de Ciencias do Mar, cuxa votación terá lugar en Xunta de Facultade Extraordinaria o vindeiro martes 17 de xullo.

Bernabeu actual decana en funcións

A profesora Ana Bernabeu exerce na actualidade como decana en funcións tras asumir Belén Rubio a Vicerreitoría de Investigación o pasado 8 de xuño. Bernabeu formou parte do equipo liderado por Rubio desde que esta chegou ao decanato en xuño de 2013, cargo que revalidou en xullo de 2016. Xunto a ela completan a candidatura Nuria Pedrol, como vicedecana, e María Amelia Coello, como secretaria, ambas do equipo de Rubio, e a elas únese o profesor Pedro Besada en calidade de vicedecano.

Como investigadora Ana Bernabeu é unha das integrantes do grupo de investigación de Xeoloxía Mariña e Ambiental, Geoma,  integrado por investigadores e investigadoras procedentes de distintos ámbitos das Ciencias da Terra e que desenvolven a súa actividade investigadora no medio mariño, con especial interese en problemas relacionados co paleoclima e o impacto ambiental.

Nombela, primeiro decano da facultade

Miguel Ángel Nombela foi o primeiro decano da Facultade de Ciencias do Mar, constituída como tal no ano 2002 –primeiramente formau parte da extinta Facultade de Ciencias, na que se agrupaban as actuais de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química-. Xunto a el completan a súa candidatura os docentes Elsa Vázquez e Óscar Nieto, como vicedecanos, e Gabriel Rosón como secretario.

Coordinador do grupo de investigación de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica, integrado por unha ducia de investigadoras e investigadores especialistas en análise xeoquímico e mineralóxico de sedimentos, análise granulométrico de sedimentos e deseño de campañas de xeoloxía mariña, Miguel Ángel Nombela exerceu desde 2007 como director da Área de Estudantes e Deportes, convertida despois en Área de Benestar, Saúde e Deportes da Universidade de Vigo.