DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mª Teresa Pedrosa e Manuela Ogando cursaron o Grao de Dirección e Xestión Pública

Dúas estudantes proban na Deputación de Pontevedra un método que avalía o traballo do funcionariado

Este método, pouco empregado nas administracións galegas, melloraría a motivación dos traballadores

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 28/06/2012

Un dos principais obxectivos do Grao en Dirección e Xestión Pública é formar profesionais que “acheguen solucións á administración”, de aí que dúas das súas estudantes que remataron neste curso a titulación, María Teresa Pedrosa e Manuela Ogando, se lanzasen a deseñar un método que avalía o nivel de desempeño do corpo de funcionarios da Deputación de Pontevedra. Coñecedoras da institución xa que compaxinan as súas horas de estudo co seu posto de funcionarias na administración provincial, foron quen de levar á práctica un sistema novidoso “pero sinxelo” que mide a eficacia de cada traballador público de forma individual. “Aínda que Galicia foi pioneira en tentar establecer avaliacións deste tipo, poucas son as entidades nas que se están levando a cabo”, explican as dúas funcionarias.

Pedrosa e Ogando deseñaron un método de avaliación do desempeño para cada traballador que testaron no Laboratorio da Finca de Mouriscade e nos servizos de recursos humanos e de intervención da Deputación de Pontevedra. “Puxemos en marcha unha aplicación moi sinxela porque o que queríamos é que fose viable coa esperanza de que algún día se traslade á realidade”, apuntan as dúas tituladas que deseñaron un formulario de avaliación que suministraron a cada un dos xefes de servizo. A súa enquisa contemplou dez factores competenciais, cada un cunha escala de valoración do 1 a 6, “puntuacións que foron outorgadas polo propio xefe de servizo”, aclaran, que logo se reuniría con cada traballador para debater os resultados. Para esta experiencia piloto empregaron unha mostra representativa e no caso de que se leve á práctica recomendan a implantación dunha comisión de expertos “de consulta en caso de dúbidas”. No seu proxecto, Pedrosa e Ogando fan especial fincapé na valoración de cuestións non tanxibles como o nivel de interese, esforzo ou de dedicación do traballador “complementando así datos obxectivos como o volume de traballo, número de horas…”.

Favorables á súa implantación

En canto aos resultados, sinalan a boa acollida por parte dos funcionarios, “cunha excelente resposta e en xeral favorables á avaliación”, comentan, que como traballadoras do sistema público, destacan a necesidade de que o empregado sexa coñecedor en todo momento das variables a medir e da utilidade dos datos obtidos. Segundo a súa planificación, os resultados da avaliación serían útiles para mellorar a formación, para a prolongación do servizo activo, para a provisión dos postos de traballo e para as prestacións de retribucións, “neste último de moi difícil aplicación”, puntualizan.

As dúas funcionarias móstranse favorables á implantación destes métodos avaliativos xa que “o funcionario tería datos cos que demostrar o seu bo facer”, o que devolvería a confianza “perdida pola cidadanía” na administración pública. “A avaliación sería totalmente motivadora e como empregadas públicas estaríamos totalmente encantadas de que souberan verdadeiramente como realizamos o noso traballo, coa posibilidade de poder progresar na carreira profesional”. Non obstante, a pesar dos beneficios que supón para a propia administración, Ogando sinala que unha das principais barreiras para a futura implantación do proxecto “é o esforzo económico que lles supón aos organismos xa que serían necesarios profesionais ou empresas externas especializadas na avaliación do desempeño”. Na realidade, si son máis comúns, apuntan, as avaliacións xenéricas da produtividade das administracións, que inflúen no eido da formación “paliando as carencias do traballador con cursos complementarios” ou na provisión de postos laborais, “sendo case marxinais as que repercuten nos complementos retributivos e na promoción da carreira interna do empregado público”.

Unha titulación interrelacionada co traballo diario

María Teresa Pedrosa e Manuela Ogando compaxinaron durante catro anos o seu posto de funcionarias coas clases de tarde do Grao en Dirección e Xestión Pública, que remataron este ano tras presentar este traballo final avaliado cun sobresaínte polo profesorado da Área de Ciencia Política e da Administración. Decidiron matricularse na titulación para ampliar a súa formación “e comprobamos que é de grande interese e moi interrelacionada coas nosas responsabilidades, tanto que os conceptos vistos en clase eran de total utilidade para o noso desempeño diario”, sinalan as dúas funcionarias que se mostran totalmente satisfeitas e orgullosas de ter culminado “esta aventura” de catro anos.