DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antonio Iglesias e o equipo de dobres masculino, acadaron os metais

Dúas medallas de bronce para equipo da UVigo no CEU de bádminton 

Pola súa banda, os equipos de vela e natación obtiveron varios cuartos, sextos e oitavos postos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 02/05/2023

O equipo de bádminton da Universidade de Vigo logrou dúas medallas de bronce no Campionato de España Universitario disputado entre o 29 de abril e o 1 de maio nas instalacións deportivas de  Fuente de la Mora en Valladolid. O equipo da UVigo, formado por Antonio Iglesias, Alejandro Rivadulla e Daniela Sanz, enfrontouse no CEU, organizado pola Universidad de Valladolid, a deportistas de gran nivel, fronte aos que Antonio Iglesias foi quen de acadar unha medalla de bronce, o mesmo metal que logrou a UVigo en dobres masculinos, coa parella formada por Alejandro Rivadulla e Antonio Iglesias.

Iglesias, que partía como cabeza de serie número 2, superou a fase de grupos con autoridade para despois, no cadro principal, enfrontarse a Simón Cognet da Universitat Internacional de Catalunya nos cuartos de final e perder a final con Alberto Perals (cabeza de serie número 2) da Universidad Miguel Hernández de Elche, acadando unha meritoria medalla de bronce. O segundo dos metais acadouno o equipo da UVigo na categoría dos dobres masculinos, coa parella formada por Antonio Iglesias e Alejandro Rivadulla, formada para esta competición, polo que contaba cunha clara desvantaxe co resto de equipos, moito máis conxuntados. Rivadulla e Iglesias superaron a fase de grupos ante as universidades de Alacante, Granada e Carlos III de Madrid, tamén os cuartos de final e perderon o pase á final .

Participación nos CEU de vela e natación

Pola súa banda, os equipos da UVigo que participaron nos CEU de vela e natación acadaron varios cuartos, sextos e oitavos postos. No CEU de vela, disputado en Calpe (Alacante), o equipo da UVigo rozou o bronce, logo de ir de menos a máis na competición, acadando un cuarto posto, por detrás dos equipos da universidades de Murcia, Valencia e Pompeu.

Mentres, nos CEU de natación, Antía García, campioa do mundo de salvamento, logrou dous cuartos postos nas probas de 50 e 100 libres, ademais dun oitavo posto nos 50 bolboreta. Pola súa banda, Eva Feijoo foi quen de chegar á final dos 50 libres, na que quedou oitava, ademais de conseguir un sexto posto nos 100 libres. Mentres, Marcos García foi sexto nos 100 bolboreta.