DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado na EU de Estudos Empresariais

Dúas novas promocións do Programa de Maiores reciben os seus títulos universitarios

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 02/10/2008

Cun acto atípico, no que fillos e netos eran os familiares emocionados, os alumnos do Programa de Maiores celebraron o fin dos seus estudos. Trátase da IV promoción de graduados universitarios sénior e da II promoción de graduados superiores sénior, que tras tres e cinco anos de duro traballo, respectivamente, obtiveron como premio unha metopa que simboliza que teñen unha titulación universitaria. Alegría e satisfacción eran as sensacións que se percibían nos rostros duns estudantes que, unha vez cumpridos os 55 anos, regresaron ás aulas con ilusións renovadas.
Celebrado no salón de actos da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, o acto académico estivo presidido polo vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, que aproveitou a ocasión para, ademais de fecilitar aos egresados, destacar a unanimidade que o programa está a causar en termos de satisfacción. “Esta é unha ocasión para felicitarnos todos, tantos os alumnos como os profesores e a xente que participa na xestión, pois estamos a desenvolver unha iniciativa que nos enriquece enormemente”, dixo o vicerreitor.
Acompañando aos trinta e seis novos egresados estiveron tamén o director da escola, Patricio Sánchez Bello, e Camilo Vázquez, director do Programa para Maiores. Para representalos neste acto, os alumnos escolleron a Antonio Vidal Pérez que, cun discurso en ton humorístico, agradeceu a formación recibida e instou á Universidade a seguir traballando na liña iniciada. Do mesmo xeito, propuxo que “se realicen intercambios con programas similares doutros países europeos”.

Química e contaminación na lección inaugural

Enrique Rodríguez Fernández, profesor das Aulas de Formación Aberta e padriño da promoción, foi o encargado de pronunciar a lección inaugural baixo o título Unha visión optimista da química e da contaminación ambiental. Ao longo do seu discurso, o docente recordou que “avances como a fabricación do papel ou a producción de cloro van parellos á historia da humanidade”, pero “temos que pagar o benestar no que vivimos cun alto prezo: a contaminación”, continuou.
Como alternativa para reducir o efecto invernadoiro e, polo tanto, o cambio climático, Rodríguez sinalou a busca de novas enerxías que non dependan dos combustibles fósiles, como son a solar ou a xeotérmica, entre outras. Pero en vista de que están a resultar insuficientes, o profesor apuntou á enerxía nuclear como solución, pois “un quilogramo de uranio produce o mesmo que un millón de quilos de carbón”. Para ilustrar as súas palabras, Rodríguez recordou que países como Suecia ou Francia xa producen máis do 70% da súa enerxía deste xeito.