DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nesta ocasión a entidade encargada de desenvolvelo é Ado

Dúas persoas benefícianse dunha nova edición do programa de integración laboral e discapacidade

Os seleccionados están nas conserxerías da biblioteca e do pavillón de deportes

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 01/12/2017

“Promover a integración das persoas con discapacidade na sociedade e conseguir que adquiran unha experiencia no desenvolvemento de determinadas tarefas profesionais de cara a lograr a súa progresiva integración no mercado laboral e alcanzar así graos de autonomía e independencia persoal”. Con este obxectivo, a Universidade de Vigo vén de asinar un convenio coa Asociación de Persoas con Discapacidade de Ourense Ado para o desenvolvemento dun Programa de Integración Laboral de Persoas con Discapacidade.

A sinatura prodúcese despois de que Ado resultase elixida nunha convocatoria competitiva que cada ano abre a Universidade de Vigo a entidades sen ánimo de lucro para que presentasen diferentes propostas de integración. A asociación seleccionada é unha entidade sen ánimo de lucro constituída para o cumprimento de fins relacionados coa promoción e a realización de actividades que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e procurar a súa plena integración familiar, social, educativa e laboral.

Este venres presentouse o programa e as dúas persoas desta asociación que ao abeiro desta iniciativa xa están incorporadas ás conserxerías de varios edificios universitarios. Amosando a súa satisfacción por un ano máis desenvolver este programa, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, quixo agradecer aos servizos do campus implicados a súa colaboración para o desenvolvemento dun programa que, apuntou, “enriquece a nosa visión do mundo”. Pola súa banda, Inmaculada Rafael, presidenta de Ado, fixo fincapé na importancia “da inserción completa na sociedade” das persoas con diversidade funcional e a necesidade de crear as condicións axeitadas para que poidan exercer “os seus dereitos e deberes”. Neste senso, Juan Lorca, técnico de emprego de Ado, salientou como estas persoas “poden ser máis da plantilla, poden traballar como os demais”.

Adrián e Raquel

Adrián Gil e Raquel Docampo son as dúas persoas que Ado seleccionou para beneficiarse desta iniciativa ata o 31 de decembro. Con 26 anos e sen experiencia laboral previa, Adrián Gil está desenvolvendo as súas tarefas na conserxería do pavillón de deportes do campus. Alí, sinala, realiza todo tipo de tarefas, desde o control de entrada e a entrega de material deportivo ata a supervisión das instalacións. “Estou moi contento. Pásomo bomba”, apunta Adrián Gil, que salientou o bo recibimento que tivo no seu posto. Igualmente satisfeita está Raquel Docampo, que cada mañá acode á Biblioteca Rosalía de Castro para incorporarse á conserxería do centro realizando tarefas como atender a entrega de libros, selar publicacións ou colocar cada exemplar no seu sitio. “Gústame todo o que fago en xeral. A xente é moi agradable”, comenta a beneficiaria. Os dous coinciden en destacar a ilusión que lles fai tanto a eles como ás súas familias poder traballar en algo no que se senten cómodos e polo que reciben un soldo.

Tal e como se recolle no convenio, lembran os promotores da iniciativa, un dos aspectos máis importantes da integración das persoas con discapacidade intelectual na sociedade é conseguir que logren unha autonomía persoal que lles permita alcanzar o maior grao de independencia posible, cobrando especial relevancia o desenvolvemento de programas orientados á súa inserción no mercado laboral. Neste sendo, recolle o documento, "resulta evidente que a problemática que atinxe ás persoas con discapacidade é merecedora dun tratamento particularizado e especializado dende os poderes públicos".