DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas 8.000 persoas achegaránse a esta edición dun festival que xa é referente estatal

Dúas producións galegas para celebrar vinte anos de cine submarino

Do 24 ao 26 de novembro no Centro Sociocultural Caixanova e na Facultade de Ciencias do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 18/11/2010

A Semana de Cine de Submarino cumpre este ano o seu vinte aniversario. Do 24 ao 26 de novembro Vigo acollerá de novo a cita de referencia estatal en cine submarino e para celebrar os seus vinte anos estreará por primeira vez dúas producións galegas. Trátase de O mar da fin do mundo, que afonda na vida dos cefalópodos nas profundidades das rías galegas, e A carón do Río Miño, unha produción que recompila 18 anos de traballo de imaxes dos ríos Sil e Miño.

Durante o acto de presentación da Semana de Cine Submarino, esta mañá no Edificio Miralles, o director do festival, José Luis González, destacou que esta mostra é o referente estatal en cine submarino, xa que ademais da calidade de programación e asistencia, “é o único que axuda a producir material orixinal”, en referencia á estrea das dúas producións galegas.

A Semana do Cine Submarino de Vigo, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e o Club Subacuático Bahía de Vigo, agarda achegarse esta edición aos 8.000 asistentes. As proxección terán lugar no Centro Sociocultural Caixanova de Vigo a partires das 20.00 horas con entrada libre. Ademais haberá pases para escolares da cidade de 10.00 a 12.00 horas. Para completar a programación, ademais das proxeccións e debates no Centro Cultural de Caixanova, a Semana contará coa celebración de conferencias no salón de actos da Facultade de Facultade de Ciencias do Mar.

Ademais das estreas galegas, a mostra inclúe dentro das producións estranxeiras dous capítulos da serie Life, superprodución da BBC gravada con lentes especiais que ofrecen un realismo espectacular. Tamén da BBC se proxectará Pacífico sur: paraíso frágil, que advirte da desaparición de moitas especies e dos resultados acadados para a recuperación de outras. En canto ao audiovisual estatal, estará presente coa proxección de El bajo de las Gerardias, que afonda na biodiversidade mariña en Canarias. Despois de cada proxección producirase un debate dirixido por expertos como Valentín Trujillo (Instituto Español de Oceoanografía), Isabel Pardo (Universidade de Vigo) e Ángel Guerra (CSIC).

O mar como protagonista

Esta XX Semana do Cine Submarino contará coa participación do Instituto Español de Oceonagrafía e o Consejo Superior de Investigacións Científicas, segundo destacou Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria. Costas tamén quixo lembrar a recente concesión á Universidade de Vigo do Campus do Mar como Campus de Excelencia Internacional, ámbito da temática deste ciclo de cine e co que comparte a preocupación pola biodiversidade.

Na mesma liña, a delegada territorial da Xunta de Galicia, Lucía Molares, salientou a que esta Semana constitúe “unha magnífica oportunidade” para espertar o interese e dar a coñecer a biodiversidade e a necesidade da súa conservación.

Pola súa banda, no XX aniversario da Semana de Cine Submarino, María Pereira, directora de programación cultural de Caixanova, quixo destacar moi especialmente “o esforzo, ilusión e tesón do Club Subacuático Bahía de Vigo, a alma deste proxecto”.

Programación da XX Semana Internacional de Cine Submarino (241 Kb)