DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A dúas semanas do seu comezo, a novena edición do Forumemprego conta con máis dun terzo das prazas cubertas

O encontro celebrarase os días 23, 24 e 25 de febreiro nos tres campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 05/02/2010

A novena edición do Forumemprego que se celebrará nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense os días 23, 24 e 25 de febreiro, repite nos primeiros días de inscrición o éxito de pasadas edicións nas que en poucas xornadas quedaron esgotadas as prazas dispoñibles. Así, para a edición deste ano, un día despois de abrirse o prazo de inscrición xa se cubriron 349 das 918 prazas. Cifras que reflicten o éxito deste encontro, no que a maior concorrencia adoita darse no campus de Vigo, que este ano oferta un total de 380 prazas nas que xa se rexistraron 256 matriculados, mentres que case a metade das 110 prazas de Pontevedra e das 128 de Ourense tamén están cubertas. Organizado pola Vicerreitoría de Relacións Institucionais e promovido polo Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, o Forumemprego dará resposta ás principais cuestións do alumnado sobre o mundo laboral, constituíndo unha importante ferramenta para estudantes dos últimos cursos ou titulados na busca do primeiro emprego. Neste encontro, os participantes aprenderán as pautas necesarias para a elaboración de currículos, ou como enfrontar as entrevistas de selección de persoal, ademais de coñecer as saídas profesionais máis demandadas polas empresas e os programas de prácticas e de mobilidade. Segundo explica Emilia Seoane, profesora e conselleira Eures da Universidade de Vigo encargada de coordinar as xornadas, “estas actividades resultan moi interesantes para os estudantes que queren coñecer a situación actual do mercado laboral, ademais de aproveitar as oportunidades e recursos que lles brinda o foro para desenvolverse tamén no estranxeiro”.

Programa centrado no marco europeo

Como desenvolverse no mercado laboral europeo e os recursos dos que dispoñen os demandantes, son os eixos principais do programa desta edición de Forumemprego, no que se salienta o marco europeo como escenario para a formación e o emprego dos estudantes universitarios. Ademais, en cada un dos campus impartiranse relatorios con contidos estreitamente relacionados coas súas titulacións. Emilia Seoane será a encargada de introducir aos asistentes no currículo vitae Europass, mentres que Teresa González, xunto con Seoane, impartirán unha sesión de achegamento ao portal europeo público de emprego Eures, na que explicarán as súas utilidades na busca activa de traballo na UE. Ademais, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, falará do programa Erasmus Prácticas e a experta en programas europeos e na posta en marcha de iniciativas públicas de emprego, Mª Teresa Deus, exporá a importancia de ditos programas como oportunidade para os universitarios. O foro complétase, por unha banda, coa presenza de Jose Manuel González, director da División Erasmus do Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos e, por outra, cun relatorio sobre a orientación laboral e a xestión de emprego que se ofrece dende a OFOE da Universidade de Vigo, ademais da participación da responsable de emprego de Universia, que presentará este portal e as súas utilidades e un representante do departamento de recursos humanos. Pola súa banda, o campus de Vigo acollerá un exclusivo obradoiro impartido pola responsable de selección de persoal do grupo Deloitte, dirixido unicamente a 30 estudantes dos últimos cursos e recen titulados no que se incidirá na importancia do traballo en equipo para as empresas.

A importancia do Europass para a busca de emprego na UE

Estas xornadas terán unha duración total de 20 horas, das que 10 serán presenciais e o resto estarán destinadas á realización dun traballo práctico consistente na elaboración do currículo vitae Europass. Emilia Seoane salientou a importancia deste currículo para a busca de emprego no marco europeo e como elemento diferenciador fronte a universitarios de outros países da UE. “É moi importante que os estudantes estean familiarizados con el e saiban como estruturar e amosar os seus contidos, posto que ten que ser un documento facilmente interpretable para os empregadores e que recolla a aprendizaxe, as actividades formativas e as experiencias laborais dos estudantes en termos de competencia” subliñou Seoane. Nas últimas cinco edicións do Forumemprego nas que se incluíu esta actividade “foron máis de 6000 os estudantes e titulados que adaptaron o seu currículo ao formato Europass” afirmou a coordinadora.

Prazo de inscrición aberto ata o 19 de febreiro

A alumnado interesado en participar nesta actividade poderá inscribirse de forma gratuíta a través da páxina web de Forumemprego ata o vindeiro día 19, data na que se publicará o listado definitivo de admitidos nos tres campus.
O encontro dará comezo o vindeiro 23 de febreiro na Facultade de Ciencias Experimentais do campus de Vigo, para trasladarse posteriormente á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra o día 24 e finalmente a Ourense o xoves 25, onde terá lugar no Salón de Actos do Edificio Politécnico.