DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores que adestra Javi Pérez gañaron ao TGM Arzúa esta fin de semana

Dúas vitorias consecutivas devolven a ilusión ao equipo de baloncesto

O Campus Ourense Rugby tamén acadou un resultado positivo no seu desprazamento ao Bierzo

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 19/03/2012

Os equipos de baloncesto e rugby sénior masculino do campus de Ourense están a consolidar en cada xornada o seu xogo e a súa posición na táboa despois dun mal comezo de competición en 2012. Esta fin de semana o Universitario Campus Ourense de baloncesto acadou unha vitoria fronte ao TGM Arzúa e o Campus Ourense Rugby outra fronte ao Jabatos. Estes bos resultados contrastan coa derrota do equipo de baloncesto feminino contra o Universitario de Ferrol, un revés que poñe máis difícil ás xogadoras universitarias aspirar ao primeiro posto da súa liga, onde permanecen nun segundo lugar.

O primeiro equipo de baloncesto ourensán xogou o sábado contra o TGM Arzúa na xornada 21 da 1ª División Sénior Masculina. Os xogadores dirixidos por Javi Pérez conseguiron unha clara vitoria a 74-69 puntos que lles permite ascender un posto na súa clasificación despois de acumular dúas vitorias consecutivas. Deste xeito, os ourensáns pasan a estar nun noveno posto na táboa, con 10 vitorias e 11 derrotas, e reforzan as súa ilusión de participar nunha liga na que este curso compiten por primeira vez despois de ascender a tempada pasada. Tamén en baloncesto masculino aínda que na 1ª División Júnior Masculina, o Campus Ourense Blanco Amor acadou unha vitoria 78-74 fronte ao Novacaixagalicia Instituto Rosalía.

As xogadoras afástanse do liderado

A nota negativa da xornada veu de man do conxunto de baloncesto feminino. As xogadoras ourensás, segundas na clasificación, manteñen unha disputada loita co Arxil Mafari Café polo primeiro posto da 1ª División Autonómica Feminina. Este domingo o Universitario Campus Ourense quería consolidar as súas aspiracións ao liderato pero finalmente sufriu unha derrota fronte ao Universitario de Ferrol por 70-54 puntos. Este resultado acentúa a diferenza co primeiro clasificado pois o Arxil Mafari Café acadou unha vitoria no seu encontro desta xornada.

Polo que respecta ao rugby, este sábado o equipo sénior do Campus Ourense Rugby desprazouse ao Bierzo para enfrontarse co equipo local de Jabatos. Os ourensáns impuxeron o seu xogo e conseguiron a vitoria, como xa fixeron no partido de ida disputado en Ourense, cun resultado final neste caso de 10-13 puntos.