DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha iniciativa da Fundación Matrix

Unha ducia de estudantes da Facultade de Bioloxía descobren os tesouros do parque das Fragas do Eume aos visitantes

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 07/08/2008

Non todos os estudantes aproveitan o verán para descansar, e a aqueles aos que os exames de setembro obrigan a non afastarse dos libros, únense os que destinan estes meses a traballar. Este é o caso dunha ducia de estudantes da Facultade de Bioloxía que este verán comparten os seus coñecementos cos visitantes do parque natural das Fragas do Eume, o bosque costeiro mellor conservado de Europa.
Os estudantes acompañan aos visitantes, en grupos reducidos, nos percorridos que realizan polo parque onde teñen ocasión de descubrir un patrimonio natural de gran valor como é a fraga, un bosque caducifolio cunha das maiores diversidades biolóxicas. Fentos que sobreviviron millóns de anos, comparten espazo con lontras, gato montés ou bufo real, nas Fragas do Eume onde tamén se atopa o Mosteiro de Caaveiro, recentemente restaurado.
O parque conta ademais coa maior poboación galega de reo, unha especie de troita mariña moi apreciada polos pescadores, e coa presenza do lobo nas cotas altas, con áreas de mato de prados.

A Fundación Matrix

A labor de guía dos estudantes da Facultade de Bioloxía, realízase ao abeiro da Fundación Mátrix, unha ONG que ten a finalidade de promover o desenvolvemento sostible. Ao tempo que se afonda na educación ambiental dos visitantes, a ruta que combina un percorrido en kayak, un paseo a cabalo e unha ruta a pé, fomenta a profesionalización dos universitarios.
As explicacións dos guías permiten aos visitantes coñecer a utilidade histórica e actual dos usos humanos, como a recolección de castañas, alimento vital noutras épocas ou a produción de leite das vacas de algúns prados do parque.
Ademais de organizar por primeira vez no parque estas visitas guiadas, nas se calcula participarán 4000 persoas, a Fundación Matrix creou Fondeume, un fondo económico que recolle doazóns destinadas á restauración das fragas do parque, degradadas pola masiva prantación de eucaliptos.